Rosalía de Castro n'A Aurora do Lima

O 4 de xaneiro de 1924, o xornal bisemanal de Viana do Castelo, A Aurora do Lima publicaba un extenso artigo de Noriega Varela, lido durante unha homenaxe a Rosalía de Castro.
Noriega Varela
O poeta Noriega Varela

Naquela altura, as relacións entre os intelectuais galegos e os miñotos eran moi estreitas, nomeadamente, entre os agrupados arredor do Instituto Histórico do Minho, como Júlio de Lemos ou Teixeira de Pascoaes, e unha gran variedade de persoeiros da cultura galega, como Noriega Varela, Federico Maciñeira, Xoán Vicente Viqueira ou Manuel Lugrís. A solidez desta amizade reflectíase en feitos como o nomeamento mutuo de académicos correspondentes miñotos pola Real Academia Galega, e de intelectuais galegos como socios honorarios do Instituto Histórico do Minho. Un destes últimos sería "o poeta da montaña", Antonio Noriega Varela, quen foi o encargado de redactar o extenso artigo en homenaxe a Rosalía que reproducimos aquí.

Este discurso, lido "nunha festa do Instituto Histórico do Minho en louvor de Rosalía Castro", foi publicado integramente no número 69 d´A Aurora do Lima, que tamén inclúe un poema de Ramón Cabanillas. Na súa intervención, o autor d´Os Ermos, despois dunha extensa introdución na que relata o seu longo vencello con Portugal, fai constar a súa preferencia polas "aldeolas perdidas das quebradas dos montes" fronte "a vida monorrítimica do café provinciano", e a influencia, na súa formación artística, de autores clásicos como Horacio e Virxilio, e portugueses como Alexandre Herculano e Antero de Quental. Noriega Varela remataba o seu discurso cunha exaltada loa de Rosalía de Castro: "os Cantares se hâo transfigurado na forma essencial da eterna poesía do povo ."