Pleno extraordinario da Academia en Vigo

Coincidindo co centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, a Real Academia Galega celebrou un pleno extraordinario en Vigo en homenaxe a quen fora o seu presidente.
Membros da executiva presidindo o acto
Os membros da executiva durante o acto


Ao acto, celebrado na Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Penzol, asistiron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a presidenta do Consello Consultivo de Galicia, María Teresa Conde Pumpido; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira; o presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro e a concelleira viguesa, Iolanda Veloso, ademais de membros numerarios da Academia e numerosos persoeiros da cultura galega.

A mantedora do acto e patroa da Fundación Penzol, María Dolores Villanueva Gesteira, deulle comezou á sesión lembrando que, o 20 de xaneiro de 1963, Francisco Fernández del Riego propúñalle ao plenario da Academia a posta en marcha da nosa celebración cultural máis importante: o Día das Letras Galegas. A continuación, o presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta, fixo unha breve lembranza do protagonista da xornada,"del Riego asumiu, en tempos difíciles, un compromiso con Galicia que mantería ao longo de toda a súa vida", e rematou a súa intervención destacando o valor da biblioteca e pinacoteca entregadas por del Riego á Fundación Penzol: "velaquí a súa doazón ao pobo vigués".

Académicos e autoridades asistentes ao acto
Algúns académicos e autoridades antes do comezo do acto


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, comezou o seu discurso cunha referencia ao propio escenario do acto, "nesta casa xúntanse cultura e democracia", e proseguiu: "hoxe queremos agradecerlle a Don Paco o seu servizo o seu constante servizo a Vigo. Aquí publicáronse hai 150 anos os Cantares Gallegos, e hai cincuenta nos fundouse a Biblioteca Penzol. Vigo quere seguir sendo este lugar clave na construción da cultura galega".

Ramón Lorenzo
Ramón Lorenzo Fernández

O membro de número da Academia, Ramón Lorenzo Fernández realizou, na súa alocución, un percorrido minucioso pola traxectoria vital de Francisco Fernández del Riego, destacando os seus méritos como militante, quer na loita política, primeiro no Partido Galeguista e logo no Partido Socialista de Galicia; quer no eido cultural, participando na fundación de Galaxia, Grial, colaborando coa Industrias Pesqueras de Paz Andrade ou dirixindo o suplemento literario do xornal La Noche. "Comprometeuse coa nosa patria desde a adolescencia, e a morte privouno de asistir á defenestración da nosa identidade e da nosa lingua", concluíu Lorenzo.

Xosé Ramón Barreiro Fernández
Xosé Ramón Barreiro

Para o profesor Barreiro Fernández, a figura de Fernández del Riego xunto coa de Díaz Pardo exemplifica unha mesma actitude vital: a de acometer, no tempo do franquismo, a tarefa da reconstrución da cultura galega. "Con Galaxia Don Paco soñou con encher Galicia de libros en galego". A seguir, Barreiro Fernández analizou a etapa de Fernández del Riego como presidente da Academia: "A Real Academia Galega era unha institución desprestixiada pola súa inhibición ante a promulgación da Lei pola Normalización Lingüística e a súa total indixencia económica, e o que se propuxo Don Paco foi endereitar completamente o seu rumbo". Barreiro Fernández, que foi secretario da Academia durante a presidencia de Fernández del Riego, lembrou tamén a oposición do daquela presidente da Xunta, Fraga Iribarne, á aprobación dos Estatutos da Academia en 1999, por entender que estes invadían competencias propias da Xunta de Galicia, "só coa aprobación en Madrid dos estatutos da academia vasca, entendeu que non aprobar os da galega sería un agravio comparativo".

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero

O profesor Xesús Alonso Montero empezou a súa intervención rememorando a súa iniciación na cultura galega da man de Xosé Fernández Oxea, Ben Cho Sey, no Madrid dos primeiros anos cincuenta onde el cursaba Filoloxía Románica, "grazas á súa biblioteca descubrín que o galego era tamén unha lingua de cultura". Alonso Montero subliñou a importancia de Ramón Piñeiro, Illa Couto e Fernández del Riego na reconstrución da cultura galega durante o franquismo: "eles foron a única "troika" decente na historia da humanidade". Para Alonso Montero, a Historia de la literatura gallega de Del Riego foi un libro fundamental na súa formación intelectual: "aportoume unha visión panorámica e articulada das nosas letras da que daquela carecía", e anunciou tamén a súa descuberta do orixinal mecanografado en galego deste exemplar. "Entendo que a presión da censura foi o que os levou a tomar a decisión de publicalo en castelán". Alonso Montero destacou tamén a importancia da Escolma de poesía galega de Del Riego publicada por Galaxia en 1955, "unha edición consultada que supuña un grande adianto naquel tempo".

Para o presidente en funcións da Academia, Axeitos Agrelo, "Fernández del Riego entendeu que o fin principal da Academia é o da defensa do galego, e nós temos que permanecer teimosamente fieis a este principio". Axeitos Agrelo rematou o seu discurso citando literalmente a Fernández del Riego, "el deixou escrito que unha Academia independente do poder político só será posible cando dispoñamos dos recursos económicos necesarios para o noso sustento. Este debe ser pois un dos nosos obxectivos".

Seguidamente, a escritora Rexina Vega recitou un poema da académica Luz Pozo Garza, que non puido estar presente, na homenaxe a Don Paco, e, coa interpretación do Himno Galego pola Banda de Gaitas do Casco Vello de Vigo, púxoselle o ramo ao acto.

Imaxe do público asistente ao acto
Público asistente ao acto