O Premio Nacional de Periodismo Cultural 2018 recoñece a traxectoria de Ana Romaní

A académica electa Ana Romaní acaba de ser recoñecida co Premio Nacional de Periodismo Cultural 2018 en recoñecemento á súa "longa traxectoria no xornalismo, o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios", así como a súa "visión de feminismo crítico e compromiso social". 

O galardón que concede o Ministerio de Cultura e Deporte recoñece o labor de profesionais do xornalismo que fomentan as actividades culturais e contribúen así, ben a través da súas obras, ben a través da participación activa en distintos ámbitos da creación artística ou literaria, "ao enriquecemento do patrimonio cultural de España", salienta o departamento nun comunicado.

Ana Romaní (Noia, 1962) suma este premio a unha longa lista de recoñecementos anteriores polo seu traballo xornalístico á fronte do Diario Cultural da Radio Galega, pero a académica electa é tamén unha voz de referencia da poesía galega contemporánea. Elixida académica o pasado mes de marzo, tomará proximamente posesión do seu posto como membro de número da Academia ocupando a cadeira vacante producida polo pasamento de Xohana Torres.