O Día das Letras Galegas a Castelao na prensa da época

Cincuenta un anos despois do Día das Letras Galegas dedicado a Castelao en 1964, a Academia publica un dossier de prensa no que recolle a repercusión nos medios daquela celebración.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.


Nado o 30 de xaneiro de 1886 en Rianxo e finado o 7 de decembro de 1950 en Bos Aires, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi "todo un símbolo do nacionalismo galego, un loitador no exilio, que reflectiu na súa obra literaria e pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra, Galicia", segundo consta na súa biografía na páxina web da Academia que se pode consultar aquí.

Cando a Academia decide outorgarlle o Día das Letras Galegas do ano 1964 a Castelao -o segundo logo da primeira edición, a de 1963, dedicada a Rosalía- pasaran xa catorce anos desde o seu falecemento en Bos Aires en 1950 e o rianxeiro era recoñecido, no interior e no exilio, como o referente máximo do galeguismo do seu tempo. De tal xeito que -en palabras de Henrique Monteagudo, autor do limiar do Dossier- a escolla de Castelao "resultaba unha elección moi incómoda para o poder e, por tanto, requiriu moita afouteza, mesmo un chisco de ousadía, por parte da Academia".

Este Dossier de prensa ofrece unha escolma dalgunhas das novas publicadas na prensa galega da época sobre o Día das Letras Galegas de 1964, quer na prensa da Terra (Faro de Vigo, Grial, La Noche), quer na da diáspora (Galicia, Orientación Gallega).

Ademais deste dossier, a Academia publica, así mesmo, dous discursos de ingreso que permanecían deica agora inéditos referidos, ambos os dous, á figura de Castelao: A resignación e maila rebeldía na novela de Castelao "Os dous de Sempre", de Marino Dónega, e Castelao i a tradición galeguista, deÁnxel Fole.