No natalicio de Ángel Amor Ruibal

Cando se fan 145 anos do seu nacemento, o vicesecretario da Academia, Andrés Torres Queiruga, introdúcenos na vida e a obra de quen foi un dos filólogos e filósofos máis importantes da nosa cultura: o pontevedrés Ángel Amor Ruibal.
Ángel Amor Ruibal
Ángel Amor Ruibal


O 11 de marzo de 1869, nacía en San Breixo de Barro (Pontevedra) Ángel María Amor Ruibal, membro fundador da Academia. A preciosa lápida que está no claustro da Catedral indica que morreu, en Santiago, o 1 de novembro de 1931. Sesenta e un anos. Se se olla para a súa obra, un pensaría en moitas décadas máis.

Deixa case 20 tomos dunha erudición asombrosa e cunha fondura especulativa que ten moi poucos parangóns na nosa historia; non só da galega. A Filoloxía, cos dous amplos e densos 2 tomos "Los Problemas Fundamentales de la filología Comparada" (1904-1905), que asombraron os participantes con Congreso Internacional alí celebrado, foi o inicio dunha longa xeira de publicacións. Seguiron ao longo do tempo 7 tomos con diversos temas de Dereito canónico, principalmente cos tres do "Derecho penal de la iglesia Católica según el Código canónico vigente (1918, 1919, 1924), dos que o especialista da Universidade de Salamanca, Tomás Garcia Barberena dixo en 1964: "No conocemos canonista comparable a éste en cuanto a teoría y sistema". E finalmente, en plena elaboración ata a morte seguiron, a partir de 1914, "Los Problemas Fundamentales de la Filosofía y del Dogma", dos que el publicou seis, quedando o resto inédito, ata once (está e curso unha reedición, aínda non acabada).

Amor Ruibal foi un deses portentos, tan xenial coma humilde (o precioso retrato que lle fixo Corredoira quedou oculto por el tras unha biblioteca de onde foi rescatado case por casualidade despois da súa morte). Suspendido cando quixo ingresar no Seminario, xa estudante levou en Leipzig (1883) o terceiro premio nun concurso mundial de especialistas sobre a gramática do Caldeo. A partir de aí, foi a súa sona internacional, cunha incrible correspondencia: o director da Herder quería encargalo dunha Enciclopedia Teolóxica en España. Todo interrompido en parte polas consecuencias da Primeira Guerra mundial e truncado pola súa morte temperá. Tivo discípulos que lle profesaron máis amor que capacidade de verdadeira comprensión. Secretario foi o poeta Cabada Vázquez e primeiro editor de obra póstuma Cándido Pumar Cornes.

O seu talante —e tamén o seu talento— era fundamentalmente filosófico: de aí as palabras "problemas fundamentais" dos títulos. E o seu horizonte, unha renovación da teoloxía, no tempo duro da Crise Modernista, na que el, xunto ao seu modo con Unamuno, foi talvez en España o único que comprendeu o seu alcance epocal. Cun equilibrado sentido entre a independencia intelectual e o respecto á tradición, sen mestres nin antecesores, foi capaz de romper co pechado mundo da Escolástica. Provisto dunha sólida e actualizada erudición histórica, solidamente realista e decididamente poskantiano, comprendeu que era necesario dicir adeus ao traballo dos antigos mestres, "labor grande cuanto entonces cabía". El, como moi poucos na Europa de entón e con non menor preparación filosófico-teolóxica ca ninguén, proclamou: "faise necesaria unha transformación fonda na teoría do ser e do coñecer, comezando por esta última; xa que a teoría cognoscitiva constitúe o eixe central de toda a elaboración lóxica e ontolóxica humana, e por ende a base do sistema científico da teoloxía, que sobre conceptos humanos se apoia e é elaborado". Son palabras do tomo VI, último que puido coidar en vida.

A súa obra é aínda unha canteira moi a medio explorar. Hai algunhas boas monografías, moi poucas, e demasiadas exposicións escolares. Houbo un Congreso acerca da súa Filosofía en 1973 e o mencionado sobre a Filoloxía, en 2005. Non se fixeron outros nin sobre o Dereito nin sobre a Teoloxía. Todo aínda moi pendente, acaso á espera dunha Fundación Amor Ruibal, que algún día debería ser fundada. Empresa moi necesaria para estudar a obra e o legado deste que me atrevo a considerar o pensador máis grande que deu Galicia.