Medalla conmemorativa dos primeiros Xogos Florais do rexionalismo en Tui

Imaxe do anverso da medalla

Os Xogos Florais de Galicia, inaugurados no Teatro Principal de Tui o 24 de xuño de 1891, constituíron o primeiro acto público celebrado integramente en galego na historia contemporánea de Galicia. Os seus promotores pretendían prestixiar a cultura en galego mediante un concurso literario no que os autores debían presentar traballos inéditos e escritos en galego en calquera das súas formas dialectais, incluíndo o galego berciano e o da comarca do Eo-Navia.

Os Xogos foron un exemplo de diversidade política, neles integráronse demócratas, liberais, federalistas pero tamén conservadores católicos procedentes do tradicionalismo e o carlismo. Esta fráxil alianza entre persoeiros de ideoloxías tan dispares foi só posible grazas á súa xenerosidade e á clara intención, por parte de todos eles, de dar a coñecer á opinión pública a existencia da nación galega. Cumpría transformar a realidade galega mediante a descentralización administrativa e a loita contra o caciquismo.

O discurso de Manuel Murguía, un dos principais patrocinadores dos Xogos, xunto a Alfredo Brañas e o relixioso Manuel Lago González, resume esta actitude reivindicativa da lingua e nacionalidade galegas con parágrafos como o seguinte:

"Léngoa distinta -di o aforismo político- acusa distinta nacionalidade. Digámo-l'o nós tamén, se nos compre con maor firmeza ainda, e poñamos de nós o que faga falla pra que sea para sempre esta léngoa en consonancia c'o noso espríto, e feita como ningun-ha outra, pra espresión d'un-ha literatura tan oposta ô genio d'a de Castilla como é esta que nós temos."

A colección da Real Academia Galega conserva a medalla conmemorativa desta celebración, batida en Vigo polo xoieiro Enrique Pérez en 1891. Nunha das caras reprodúcese unha ave fénix agromando das lapas, acompañada da lenda "SURGE ET AMBULA"; érguete e camiña. A mensaxe implícita é evidente: Galicia precisaba renacer das súas cinzas mediante a unión de todas as forzas galeguistas. Na outra cara, pode lerse a lenda: "TUY PRIMEIRA CONVOCATORIA ANO MDCCCLXXXXI - CONSISTORIO DOS XOGOS FRORAIS-GALICIA".

Reverso da medalla