Florencio Vaamonde, un pioneiro na tradución dos clásicos grecolatinos

A finais do século XIX, Virxilio puido lerse por primeira vez en galego grazas a Florencio Vaamonde. Quen anos despois sería un dos fundadores da Real Academia Galega, foi un pioneiro na tradución dos clásicos grecolatinos, convencido da súa importancia para a creación de modelos literarios cultos e a normalización da lingua galega. Actuou, en palabras de Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, como un tradutor en solitario, anticipando a aposta que máis adiante, coa Xeración Nós, se asumiría de xeito xeneralizado entre os estudosos do idioma.

Florencio Vaamonde

Florencio Vaamonde Lores naceu na parroquia de San Xoán de Ouces, en Bergondo, o 2 de abril de 1860 e finou na Coruña tal día coma hoxe, o 20 de outubro de 1925. Tras pasar a infancia entre o pazo familiar na súa vila natal e A Coruña, en 1878 instalouse definitivamente na cidade herculina, onde dedicou o tempo libre que lle deixaba o seu traballo como funcionario de Facenda á dignificación e á consolidación da lingua galega.

Mostra da súa adiantada conciencia da normalización do idioma, Vaamonde Lores traduciu entre 1895 e 1901 diversos clásicos grecolatinos ao galego. Foi, de feito, o primeiro en verter á nosa lingua textos de Virxilio, de quen publicou en 1898 o Libro VI da Eneida, que saíu á luz en varios números da Revista Gallega (dispoñible na Hemeroteca Virtual da RAG) baixo o pseudónimo de Pedro Aldarete. Na mesa revista publicou a Oda a Grosfo (1895) e Epístola de Horacio aos Pisós. Sobre da Arte Poética (1901), mentres que as Odas de Anacreonte foron editadas en 1897 a través da imprenta de Carré Aldao.

O coñecemento de Vaamonde dos clásicos grecolatinos deixou pegada nos seus poemarios Mágoas (1901) e Follas ao vento (1919). Como poeta, é ademais autor d'Os Calaicos, primeiro poema épico nacional da literatura galega, dedicado á defensa da Coruña, con María Pita como heroína, diante do ataque dos ingleses no ano 1589.

A súa obra poética inclúe textos soltos en distintas publicacións, así como un Himno á Galicia, datado o 20 de maio de 1907 na Coruña. Este é un catro himnos escritos nesas datas para o Álbum Literario que ía publicar a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega da Habana. Os materiais mecanografados desta fracasada iniciativa, que xurdiu sorprendentemente o mesmo ano que se estreou na Habana o futuro himno oficial galego, consérvanse no Arquivo da RAG.

Na prosa, Vaamonde cultivou a novela de costumes e como estudoso cómpre lembrar os seus artigos de carácter histórico, así como numerosos textos en castelán sobre, agricultura, etnografía ou arqueoloxía.