"Filgueira dedicouse moito tempo case en solitario aos estudos trobadorescos desde Galicia"

A investigadora da Universidade da Coruña Leticia Eirín participará este xoves no simposio sobre Xosé Filgueira Valverde que a Real Academia Galega celebrará en sesións de mañá e tarde. Eirín profundará nos estudos trobadorescos de quen foi un precursor neste ámbito desde Galicia, salienta a profesora xa no nome do seu relatorio. "Empezou a publicar [sobre este tema] moi novo e a pesar de que nalgúns deses estudos non tiña aínda os 20 anos, estes xa amosan unha constante na súa obra: a erudición e o rigor", advirte Eirín.

Leticia Eirín

O simposio dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas será inaugurado este xoves, 26 de novembro, ás 10 da mañá. Tras a conferencia de apertura do académico de honra Arcadio López-Casanova, será a quenda de Leticia Eirín, especialista en literatura medieval galego-portuguesa e autora de Visión do amor no cancioneiro de Don Denís. Estudo e edición de 33 cantigas de amor, obra editada por Laiovento que acaba de saír do prelo. A profesora porá de relevo a figura de Filgueira Valverde como pioneiro nos estudos literarios galego-portugueses e realizará unha análise dalgúns dos traballos máis relevantes de Filgueira sobre a poesía medieval.

O seu relatorio titúlase 'Filgueira Valverde, unha voz precursora nos estudos trobadorescos desde Galicia'. Ata que punto foi un pioneiro?
Despois dos primeros traballos que foran publicados a nivel europeo no último terzo do século XIX, sobre todo por estudosos italianos, portugueses, alemáns, Filgueira seguiu esa liña investigadora que aparecera timidamente noutros estudosos no ámbito galego. Por exemplo, Aquilino Iglesias Alvariño ou Antonio de la Iglesia, que publicou no ano 1886 El idioma gallego, con máis de cen cantigas medievais. Logo déronse tamén algunhas pequenas achegas, máis de ámbito histórico, como os de Antonio López Ferreiro, Andrés Martínez Salazar ou o propio Manuel Murguía. E despois xa habería que falar de Filgueira Valverde nos anos 20. Empezou a publicar moi novo e en números sucesivos de Nós como era habitual facer naquela época, dividindo os traballos en varios que ían aparecendo en distintos números da revista, que funcionaba como voceiro dos estudos que se empezaban a realizar nos tempos da xeración Nós. E desde logo os estudos de Filgueira dese momento, a pesar de que nalgúns deles non tiña aínda os 20 anos, amosan xa unha constante na súa obra, non só nos estudos trobadorescos, senón a nivel literario, lingüístico, histórico, etc.: a erudición e o rigor investigador en todos os casos.

Os primeiros traballos de Filgueira no ámbito trobadoresco centráronse na lírica relixiosa, nas Cantigas de Santa María.
Si, foi así un pouco por proximidade, porque escoitara algunhas desas cantigas na súa mocidade e nenez. Por exemplo, o milagre de San Ero de Armenteira, que logo sería o núcleo da súa tese de doutoramento, que defendou en 1935 e dirixida por Armando Cotarelo Valledor.

Filgueira Valverde non só foi un pioneiro nos estudos da lírica medieval galega. Durante bastante tempo dedicouse ademais a este campo case en solitario.
Si, a realidade é que foi así. Xa nos seus primeiros estudos, Filgueira Valverde fai fincapé en que desexa que os seus compañeiros da Academia e do Seminario de Estudos Galegos comecen a realizar investigacións sobre a literatura trobadoresca galego-portuguesa, pero a realidade é que estes tardaron máis anos en chegar e Filgueira dedicouse practicamente en solitario a este campo no ámbito galego. Afortunadamente, despois foron aparecendo outros estudosos, moitos deles ligados ao inicio ao Seminario de Estudos Galegos. Máis adiante, xurdiron novos traballos na Universidade de Santiago de Compostela coa súa cátedra de galego-portugués. E máis tardiamente, tamén nas outras universidades galegas.

Continuades os novos investigadores da lírica medieval recorrendo a Filgueira Valverde? Seguen en vigor as súas achegas?
A realidade é que moitos dos seus traballos continúan tendo vixencia, a pesar de que, como é lóxico, no momento en que Filgueira comezou a realizalos levábanse moi poucos anos de estudos sobre a lírica medieval. O avance dos tempos e dos estudos foi traendo novidades e superando tamén tópicos que existían sobre a literatura medieval. Por exemplo, que as cantigas de amigo e as cantigas máis paralelísticas eran as de maior metría. Fóronse coñecendo tamén con máis pormenor as cantigas de amor, e todo o que elas achegaban, e as cantigas de escarnio. Nese sentido, hai cousas que aparecen nos primeiros estudos de Filgueira que están superadas desde hai tempo, pero tamén é certo que Filgueira tivo unha vida moi dilatada, viviu case 90 anos, e desde os inicios ata o final dela realizou estudos sobre literatura medieval que continúan tendo vixencia tanto no ámbito da lírica relixiosa como no da profana.