Defensa e reivindicación do idioma galego durante o século XIX

O Rexurdimento non supuxo unicamente a renacenza da literatura galega, xa que o movemento literario tamén estivo acompañado dunha explícita posta en valor da nosa lingua por parte dos seus propios protagonistas e por aquelas persoas que compartiron ese mesmo propósito. Como ben explicou Carme Hermida no seu excelente ensaio sobre Os precursores da normalización (Xerais, 1992), dado o contexto sociolingüístico da Galicia do século XIX non sería posible concibir o obxectivo de recuperar o uso literario do galego sen pretender ao mesmo tempo cuestionar e superar algunhas das limitacións ás que estaba sometido entón o idioma do país.

Téñase en conta que a pesar de que durante todo o século XIX aproximadamente un 95% da poboación tiña o galego como idioma único ou máis habitual, as persoas galegofalantes estaban desprovistas dos dereitos lingüísticos máis elementais, pois a administración, a xustiza e o ensino funcionaban só en castelán, e o galego non posuía ningún recoñecemento oficial. Esta situación de manifesta discriminación -que se mantivo ata as dúas últimas décadas do século XX- víase agravada a causa da existencia dunha abafante arañeira de prexuízos tecida arredor da valoración da lingua que contribuían a xustificar e a reforzar a marxinación do galego, ao presentalo como unha fala pobre, atrasada e totalmente desaxeitada para a vida moderna, sentenciada a desaparecer en beneficio do progreso e do castelán, único idioma oficial do Estado español. Enténdese así que aquelas persoas comprometidas coa renacenza da literatura galega tivesen que se enfrontar a enormes dificultades cando quixeron defender os usos sociais do idioma e pretenderon converter o galego, lingua aldraxada e marxinada, en lingua de prestixio e no medio de expresión dunha importante literatura.

Novamente na prensa da época quedou recollida unha parte relevante da información necesaria para coñecermos as opinións e propostas destes precursores da normalización lingüística. Como é fácil imaxinar, os argumentos favorables ao galego foron máis habituais en periódicos como O Tio Marcos d'A Portela, O Galiciano, A Fuliada ou A Monteira. Porén, a defensa e reivindicación da nosa lingua non só se materializou a través das páxinas da prensa escrita en galego, senón que tamén se fixo escoitar noutras publicacións en castelán, por exemplo en La Ilustracion gallega y asturiana, El Heraldo gallego, Galicia: revista regional ou na Revista gallega. Persoeiros ben coñecidos como Juan Manuel Pintos, Antonio e Francisco Mª de la Iglesia, Manuel Murguía, Juan Antonio Saco Arce e Valentín Lamas Carvajal uníronse a outras voces anónimas ou menos recoñecidas para pregoaren conxuntamente a dignidade do idioma galego e o valor da creación literaria feita nunha lingua falada entón pola gran maioría da poboación. Todos eles foron conscientes da situación desfavorable na que se encontraba a lingua e dos prexuízos tan enraizados que cumpría desbotar. Por iso non dubidaron en defender o idioma propio de Galicia, chegando incluso a polemizar publicamente a través da prensa contra certos voceiros da "galegofobia".

Grazas ao estudo de Carme Hermida podemos sintetizar brevemente as estratexias seguidas polos valedores da normalización. En primeiro lugar, era preciso prestixiar o idioma, e para iso empregaron diversos argumentos históricos e lingüísticos: por exemplo, lembraron o uso do galego en calidade de lingua de cultura por parte de reis e nobres durante a Idade Media; destacaron o seu parentesco co latín; e mesmo converteron o galego en suposto "pai" do portugués e do castelán. Tamén insistiron en identificalo como a lingua propia de Galicia. E, xa que logo, fixeron del o elemento fundamental na configuración dunha identidade colectiva, equiparando o amor polo idioma propio co amor por Galicia. Ademais quixeron demostrar que era o galego un idioma útil, de necesario coñecemento nun país onde o falaba a enorme maioría da poboación. Por ese motivo reclamaron que se ensinase nas escolas e que tivese unha maior presenza na prensa.

Por último os defensores do galego mantiveron que este posuía todas as características esenciais que permitían convertelo, após tantos séculos de marxinación, nunha lingua literaria apta para ser utilizada por escrito en niveis cultos. Emporiso, para acadar o arelado Rexurdimento cumpría ao mesmo tempo realizar o urxente labor de fixar e perfeccionar o idioma, dotándoo dunha gramática e dun dicionario, para o cal era imprescindible a existencia dunha institución que se ocupase desas angueiras. Esta sería a tarefa reservada a unha futura Academia da lingua galega, de aí que desde finais do século XIX se viñese reclamando a súa creación.

Para completar esta breve exposición presentamos unha pequena escolma de artigos publicados na prensa da época onde se recollen algúns dos argumentos mencionados nas liñas precedentes: A Fuliada (1888, N. 13); El Heraldo gallego (1878, N. 286, 287, 289); La Ilustracion gallega y asturiana (1879, N. 21); e A Monteira (1889, N. 1, 4, 10).