Conferencia de Francisco Fernández Rei sobre a fala de Cambados

O académico Francisco Fernández Rei coñece ben a riqueza da fala de Cambados, e particularmente a do barrio de Fefiñáns. Naceu e medrou nesta vila pontevedresa, onde aprendeu o galego propio da zona que logo estudaría tamén en profundidade como filólogo. Un galego que, como no resto da ría da Arousa, se fala con gheada e seseo, dous fenómenos que, malia estaren practicamente desterrados dos medios de comunicación e dos discursos institucionais, están aceptados pola Academia e cómpre reivindicar, salienta.

Francisco Fernández Rei nun momento da súa intervención


Estas e outras características da fala da súa terra centraron a conferencia que impartiu o pasado 27 de decembro no pazo de Fefiñáns, convidado pola Asociación de amig@s de Fefiñáns. Francisco Fernández Rei detívose na caracterización fonética, morfolóxica e léxica do galego de Cambados, salientando os trazos exclusivos da fala de Fefiñáns e tamén os trazos comúns a falas do Salnés e das dúas bandas da ría da Arousa, especialmente no plano léxico.

Cambados achega ao galego formas propias para denominar elementos da súa paisaxe vinculada ao mar. Só neste concello se lles chama xureleira á augamar, bacallán á faneca brava, espadín á navalla e samba á dourada; e a estrela de mar denomínase ghradisela, coma no Grove e na ría de Pontevedra (Portonovo, Mogor e Ons).

Na súa intervención, o académico empregou tanto material publicado como inédito do Atlas Lingüístico Galego do ILG, onde Fefiñáns-Cambados é un dos 167 puntos enquisados en todo o dominio lingüístico. No relativo á variación léxica dun mesmo concepto nas falas do Salnés, referiuse a casos como o da folla do piñeiro, que se denomina candea en Cambados, paúlo no Grove e faísca en Nantes-Sanxenxo; e a termos propios do Salnés ou de falas arousás, como molura, que se emprega para designar a chuvia miúda de Cambados e do Grove, coa variante meluria en Rianxo; ou ben a voz nevada, empregada neses tres portos arousáns e tamén en Dodro, na Terra de Iria, para referirse a chuvias fortes intermitentes, mesmo no verán.

A conxugación dos verbos tamén presenta peculiaridades. Subeu no canto de subiu, cantáchedes por cantastes e cheghín en lugar de cheguei. Nos pronomes é característico de Cambados (e do Grove e Rianxo) o emprego de ñe por lle: díxeñe, xa ño din no canto de díxenlle, xa llo dei. Todas estas formas seguen moi vivas na fala da vila natal do poeta Ramón Cabanillas.

Francisco Fernández Rei rematou a conferencia cunha referencia á situación diglósica que se vivía en Cambados na década de 1970, co castelán como lingua alta e o galego baixa, e ao que acontece na actualidade. "Daquela toda a xente mariñeira e labrega do concello falaba galego e tamén o facían os seus fillos", lembrou. A situación actual, como en toda a Galicia, é hoxe macrodiglósica (ou de dobre diglosia superposta), co castelán como lingua alta, o galego estándar como lingua media e o galego popular como lingua baixa e de menos prestixio, explicou. "A perda da transmisión xeracional é unha triste realidade, pois se antes era impensable que en Cambados falasen en castelán os fillos dos que traballaban no mar, hoxe o normal é que a xente que vive do mar xa non lles fale galego a fillos e a netos", lamentou.