Cerdedo-Cotobade revive o Entroido de Fraguas

As madamiñas volveron desfilar na terra natal de Antonio Fraguas. O Concello de Cerdedo-Cotobade dedicoulle ao etnógrafo e a súa obra o Domingo de Piñata recuperando o Entroido tradicional que el mesmo describiu en distintos traballos. Veciños e veciñas de todas as idades reviviron os personaxes do carnaval dos anos mozos do protagonista do Día das Letras Galegas nunha xornada festiva na que tampouco faltaron os disfraces baseados nos oficios tradicionais como o dos canteiros, sobre os que tamén se interesou o intelectual nos seus estudos.

O Domingo de Piñata dedicado a Antonio Fraguas contou coa implicación dos veciños e veciñas de oito parroquias e das escolas deportivas, nun día de celebración que tivo como punto de encontro Carballedo. Non faltaron, entre outros grupos, o das madamiñas de Valongo. As madamiñas, contaba Fraguas, eran bailadoras que adoitaban ir vestidas de traxe de raso negro e acompañaban os madamiños, vestidos da mesma cor e tamén bos bailadores.

O Entroido foi unha nova ocasión para homenaxear a Antonio Fraguas no seu lugar de orixe, onde a Real Academia Galega presentou o pasado 28 de febreiro o proxecto web Primavera das Letras dedicado á súa figura. Tras esta festa, Cerdedo-Cotobade segue a traballar en novas iniciativas arredor do Día das Letras Galegas que protagonizará o seu fillo predilecto, "unha oportunidades histórica para un concello pequeno como o noso", salienta o alcalde, Jorge Cubela. Unha delas será a reedición do Cancioneiro de Cotobade recollido polo académico, desta volta acompañado dun cedé con trece coplas cantadas por Sonsoles Martínez, veciña da localidade. Roteiros escolares e para adultos polos lugares vinculados á vida e aos temas de interese do homenaxeado, exposicións de artesanía e do traxe galego e concertos son outras das accións previstas ao longo deste 2019.