Carta de Florencio Vaamonde a Antón Villar Ponte

Só un par de días antes de que se fundasen na Coruña as Irmandade da Fala, Florencio Vaamonde Lores escribiulle unha carta a Antón Villar Ponte tras ler Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional. Nesta obra, Villar Ponte defendía a creación dunha "Liga de Amigos del Idioma", unha idea que Vaamonde Lores apoiou tanto neste escrito, con data de 16 de maio, como dous días despois participando na xuntanza na que se constituíu a primeira Irmandade. A carta, conservada no Arquivo da RAG, pode lerse en versión dixital na sección As Irmandades da Fala nos Fondos da Academia.

Carta de Florencio Vaamonde a Antón Vilar Ponte

Florencio Vaamonde mostrábase de acordo coas reivindicacións que Antón Villar Ponte plasmara no folleto, pero ao mesmo tempo amosábase nesta misiva, escrita aínda en castelán, pesimista coa súa consecución: "Yo tengo muy poca fe en el porvenir de Galicia. Creo, si no imposible, muy difícil y lejana una rosada aurora. Los pueblos que pierden su personalidad jurídica se desorganizan, languidecen, se apaga su entusiasmo y llegan finalmente a entregarse por completo al arbitrio del dominador del que toman, primero por fuerza, después de grado, lengua, costumbres y modo de ser, olvidando o despreciando todo lo suyo privativo".

Malia esta perspectiva, concluía cunha mensaxe de apoio á idea concibida polos irmáns Villar Ponte. "Para reavivar el decaído espírito surge la consoladora idea de una ‘Liga de Amigos del Idioma'. Muy bien, ¿Saldrá de aquí algo práctico? De todos modos, yo seré siempre, a pesar de mi insignificancia, uno más a sumarme a todo lo que tienda en pro de la regeneración de Galicia", dicía.

Dous días máis tarde, o 18 de maio de 1916, celebrábase unha xuntanza, no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega na Coruña, convocada por Antón Villar Ponte. Entre os asistentes estaba Florencio Vaamonde. Naquela reunión naceron as Irmandades da Fala, movemento chave na defensa do idioma galego e na modernización da nosa cultura. Dentro das acción de celebración do seu centenario, a Real Academia Galega compartirá en versión dixital distintos documentos relacionados coas Irmandades que, como esta carta, custodia entre os seus fondos.