Cantares gallegos (1863)

Imaxe da portada do libro
Imaxe da portada do libro

Tras o camiño iniciado, no ámbito da literatura galega, polos chamados precursores, é coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro cando se consolida definitivamente o Rexurdimento literario. Segundo Fermín Bouza-Brey "é cos Cantares…, por foro de superioridade artística i emocional, cando entra de novo Galicia triunfalmente dende a Edade Media, nos eidos da literatura universal."

Inspirada por El libro de los cantares de Antonio de Trueba, publicado en 1852, a autora compón un feixe de poemas tomando como base os cantares populares galegos, onde aborda unha temática amorosa, costumista ou de sátira social, cunha métrica baseada nas formas tradicionais e unha linguaxe dialectal e flutuante, pero moi viva, que conectou deseguida co pobo.

O seu home, Manuel Murguía, prestixioso historiador e primeiro presidente da Real Academia Galega, decatouse de inmediato da calidade daqueles versos, polo que decidiu levar, sen que nada soubese Rosalía, os primeiros orixinais á imprenta de Juan Compañel en Vigo.

Deste xeito Rosalía viuse obrigada a seguir escribindo o resto da obra, que xa empezara a ser coñecida antes da súa publicación definitiva, o 17 de maio de 1863, segundo consta na data da dedicatoria á súa admirada Fernán Caballero, única referencia cronolóxica presente na obra. Esta data corresponde tamén, curiosamente, co día de nacemento de Manuel Murguía, posiblemente como xesto de agradecemento.

Cen anos despois, coincidindo co centenario da publicación da obra, a Real Academia Galega decidiu instaurar este 17 de maio como data de celebración anual dun acontecemento cultural moi significativo: o Día das Letras Galegas.

O libro de poemas vai precedido dun prólogo que, en principio, estaba reservado a Nicomedes Pastor Díaz, non podendo este acometelo pois finou dous meses antes da publicación da obra, de tal maneira que finalmente tivo que ser redactado pola propia Rosalía. Neste limiar a autora amosa unha gran firmeza e contundencia fronte ás demais provincias españolas polo seu desprezo de Galicia e a da súa lingua, deixando moi claras as súas intencións: "cantar as bellezas da nosa terra naquel dialecto soave e mimoso, que queren facer barbaro, os que non saben que aventaxa âs demais linguas en doçura e armonia".

Imaxe da dedicatoria do libro
Dedicatoria do libro

A obra consta, na súa primeira edición, de 31 poemas numerados e outros dous intercalados sen numerar: un de Ruiz de Aguilera e outro de Rosalía, en contestación ao deste autor. Nas seguintes edicións serán engadidos algúns máis. Curiosamente, nesta primeira edición, os poemas van precedidos dun epígrafe que di "Pirmeira parte", sen que aparezan máis, o que evidencia a présa coa que se levou a cabo a impresión do traballo e que sería eliminado en edicións posteriores.

Como complemento do libro, o seu home, Manuel Murguía, achega un glosario da súa autoría, que asina cun humilde M.

O libro acadou enorme éxito desde o principio, sendo eloxiado por multitude de escritores, entre eles Unamuno.

Foron moitas as edicións impresas dende aquel 17 de maio ata os nosos días. Numerosas foron tamén as traducións de Cantares Gallegos ou dalgúns dos seus poemas, o que nos da idea da súa universalidade. Subliñamos, por exemplo, a tradución ao catalán do poema "Castellanos de Castilla", feita por Víctor Balaguer en 1868; a tradución ao portugués do poema "Un repoludo gaiteiro", feita por Luís Augusto Palmeirim en 1873, aparecida no n. 347 do Diario Illustrado; ou unha das máis recentes e curiosas, a tradución de Cantares Gallegos ao xaponés feita por Takekazu Asaka e publicada en Toquio no 2009.

A nosa institución posúe un exemplar da primeira edición desta obra que ingresou na biblioteca o 16 de xullo de 1920, formando parte da colección bibliográfica particular de José Fontenla Leal, litógrafo, intelectual e bibliófilo ferrolán que xogou un papel fundamental, desde a Habana, no proceso de creación da Real Academia Galega. Esta colección foi doada por José Fontela Rizu, o seu fillo, e Vicente Ruíz Castañeda, vicepresidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega.