As memorias inéditas dos primeiros anos de Neira Vilas verán a luz en abril

O labor de catalogación da obra de Xosé Neira Vilas(1928-2015) na fundación que preserva o seu legado permitiu atopar dúas obras inéditas que verán a luz postumanente entre este ano e o que vén. A primeira que sairá do prelo, o vindeiro mes de abril, titúlase De Gres a Cádiz, un volume de memorias que cobre a primeira etapa da súa vida, desde os anos no seu Gres natal (Vila de Cruces) ata a chegada a Cádiz, onde embarcou cara a América cando tiña 20 anos.
Xosé Neira Vilas

O volume será publicado na biblioteca de autor que Galaxia lle dedicou xa en vida ao escritor e académico. Baixo esta marca tamén se editará, xa en 2019, outra obra inédita de corte máis intimista, avanza a editorial.

De Gres a Cádiz está composto por "un ramallete de lembranzas, de prosas condensadas" que Xosé Neira Vilas comezou a escribir en xaneiro de 1996, conta el mesmo no limiar que deixou preparado para a edición. Recordos dunha parte da súa vida que, recoñece nestas páxinas, aborda con nostalxia e coa idea de "revelar, ao meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás".

A edición desta crónica que permitirá completar a biografía do creador de Memorias dun neno labrego -a novela galega máis reeditada e traducida-, correrá a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra, quen seguiu de preto a xestación deste proxecto canda Xosé Neira Vilas, engade a a editorial.