A Real Academia Galega e PuntoGal convocan a cuarta edición do concurso de microrrelatos

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a cuarta edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. As entidades organizadoras agardan repetir e mesmo mellorar o éxito de participación das edicións anteriores do certame, ao que se presentaron ata o momento máis de mil seiscentas historias escritas por persoas de todas as idades.

 

 

Nesta edición volveranse repartir nove premios, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades co propósito de facilitar a participación de todo o público. Na infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.

A participación canalizarase a través dun novo sitio, www.relatos.gal, que facilitará a entrega dos textos e a cobertura dos formularios requiridos. O prazo para concursar permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro de 2021. As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos –ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros- e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles na páxina web relatos.gal. As historias premiadas serán publicadas nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, destaca a boa aceptación dun concurso que se nutre de “xeitos de comunicación e de creación literaria” que xorden da man das novas tecnoloxías e que demostra o dinamismo da lingua galega. “A aceptación do noso concurso é unha mostra da vitalidade da lingua nas novas xeracións e en xeracións non tan novas que tamén participan, cada ano con máis interese e presenza. Unha proba de vitalidade dun idioma, a lingua galega, que vive no século XXI e teima en ollar sempre cara a diante, cara ao futuro", conclúe.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, salienta igualmente que a convocatoria do concurso de microrrelatos, a pesar de que só ten tres anos de vida, é xa unha cita agardada con ansia por un gran número de escritores profesionais e afeccionados de todas as idades. “Esperamos que a participación siga en aumento coa mesma progresión dos anos anteriores. É especialmente importante a participación dos nenos e mozos, porque á parte de contribuír á súa formación como escritores, reforza tamén os lazos de afectividade coa lingua galega”, expresa.

Novos rexistros do dominio galego
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, incide na importancia da promoción da tecnoloxía e da cultura galegas. “Coa creación do sitio web relatos.gal facilitamos o acceso aos usuarios tanto na inscrición dos relatos como na súa posterior difusión”, explica. Recorda tamén que, como todos os anos, paralela ao concurso de microrrelatos, desenvolverase unha campaña promocional de dominios .gal. Esta permitirá obter un .gal a un prezo "moi accesible e durante dous anos". A promoción posibilitará rexistrar durante o mes de febreiro un novo .gal con prezos de entre 12.95 e 15 euros máis IVE. Os rexistradores acollidos á promoción son Blacknight, Dinahosting, Entorno Digital, DonDominio, Openprovider e INWX. As condicións da promoción poderán consultarse a partit do 1 de febreiro en dominio.gal/promocions/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras. O dominio lanzará unha campaña de publicidade para dar a coñecer tanto esta acción como o concurso.

O número de dominios .gal segue a medrar e suma xa máis de 5.700 rexistros. O progresivo incremento de sitios que apostan por esta marca de identidade na Rede permitirá ir reducindo progresivamente o prezo de adquisición e renovación. PuntoGal, entidade sen ánimo de lucro, reinviste os beneficios que obtén da súa xestión en actividades de fomento da cultura, a lingua e a tecnoloxía en Galicia e en galego. A súas últimas colaboracións foron os patrocinios dos premios Spin-Off PuntoGal, que premiaron as empresas xurdidas das universidades galegas e a colaboración co UVigo SpaceLab.