'A lengua dos poetas do norte de Lugo'

Cun discurso así titulado facía o seu ingreso na Academia, o 16 de abril de 1949, o poeta de Abadín, Aquilino Iglesia Alvariño.
Aquilino Iglesia Alvariño
Aquilino Iglesia Alvariño


O autor de Cómaros verdes empeza o seu ensaio analizando as dificultades que supoñen, para un escritor galego moderno, a carencia dunha tradición literaria continua desde a Idade Media. "Rosalía di nalgures: "En habendo aprendido n´outra escola que na dos nosos probes aldeáns…" E, coma ela, todos nós".

A continuación, Iglesia Alvariño revisa a relación entre lingua culta e popular na obra dos poetas Antonio María de Castro y Neira, Lois Corral e Xacinto Romualdo López, Nicomedes Pastor Díaz, José María Chao Ledo, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Daniel Pernas Nieto e José Crecente Vega, definidos polo novo académico como "todo o parnaso da Corda montañesa", e todos eles estudantes do mindoniense Seminario de Santa Catalina.

Escrito nunha prosa rica e barroca con tendencia ao período longo, neste estudo de Iglesia Alvariño, que inclúe a resposta en nome da Academia de Otero Pedrayo, atopamos, sementadas aquí e acolá, lúcidas reflexións sobre o uso literario da lingua popular que dan fe dun autor dotado para o pensamento estético.

Esta obra pódese descargar aquí.