Letras Galegas 2021

Amparo Castaño, nai de Xela Arias

“Xela sempre foi unha loitadora”

Amparo Castaño, nai de Xela Arias

Sentíase urbana, pero a historia de Xela Arias comeza no rural. En Sarria (Lugo), no berce dos pais, Valentín Arias (1934-2011) e Amparo Castaño. A primoxénita da parella viviu os tres primeiros anos de vida na Granxa Escola de Barreiros, onde Valentín exercía como mestre. “Alí fomos moi felices”, recorda Amparo. Máis tarde, primeiro en Lugo e logo xa definitivamente en Vigo, Sarria seguiría a ser un espazo vital presente. “Iamos moito, nas fins de semana e nas vacacións do verán e do Nadal”; destaca Amparo Castaño. Canda ela achegámonos á pequena Xela, unha cativa que sempre escribiu e medrou en liberdade, nun fogar onde a cultura era parte da vida cotiá. A protagonista das Letras Galegas 2021 foi tamén unha muller cun fondo sentido da xustiza e da igualdade desde ben nova. “Foi ela quen decidiu matricularse, cando chegou o momento, no instituto do Calvario porque era mixto”, ilustra a nai. “Sempre foi unha loitadora. Coido que esa, loitadora, é a palabra que a define mellor”.

Como foron os primeiros anos de Xela Arias? Como era a vida cotiá en Barreiros?
O pai era mestre na Granxa Escola que fundara Antonio Fernández, fillo de Antón de Marcos. En 1955 marchou Avelino Pousa Antelo e quedaron como mestres el e mais outra compañeira que fixeran alí a carreira por libre. Logo casamos e Xela naceu alí. Eu traballaba facendo a comida para os nenos do colexio, pero a prioridade era a nena, dediqueime a ela as vinte e catro horas do día. Como estabamos nunha escola agrícola, había unha horta, un xardín e tamén un campo de fútbol, había espazo abondo. Ela era aínda moi pequena e non estaba escolarizada, pero os nenos da escola adorábana, xogaban con ela á hora do recreo. Era moi vivaz! Polas tardes, case a diario, iamos ver os meus pais, que vivían moi preto, co irmán seguinte, que só lle levaba dezaseis meses. El ía no coche e ela e mais eu andando pola estrada. Os veciños abraiábanse do rápido que camiñaba! (ri).

O seu primeiro colexio foi o de Fingoi, en Lugo. Escolarizouse xusto despois de que abandonara a dirección Ricardo Carballo Calero, o protagonista das Letras Galegas 2020, e por idade comezaría nesta etapa a ler e a escribir. Pero cando empezou a crear as súas propias historias?
En Lugo aínda era moi pequeniña, claro, pero ela logo escribiu sempre. Cando nos viñemos para Vigo, Xela con 7 anos, o pai encargou unha mesa grande. El traballaba dun lado e os tres fillos maiores do outro, onde facían os deberes da escola ao seu aire. Víano lendo e escribindo e quizais por iso sempre lles gustou ler e escribir. Xela estaba sempre escribindo contos imaxinarios, moitas historias sacaba! (ri), pero fóronse perdendo. Non lles dabamos moita importancia, aínda que o pai sempre lle dicía que estaban ben. A Caixa de Aforros de Vigo convocaba concursos de relatos infantís e foi premiada varias veces, e despois, xa con once anos, gañou o concurso do Facho (o VI Concurso de Contos Infantís O Facho) cunha historia que se titulaba A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia.

Amparo e Xela Arias en Lugo cos irmáns maiores, Xoán Carlos e Marcos. Fonte: Arquivo familiar.

Medrou no Vigo de finais dos anos 60 e primeiros 70. Xa era unha cidade grande, pero moi diferente tamén ás cidades de hoxe en día. Xela Arias pertence a unha xeración de nenos e nenas que xogou na rúa e que viviu quizais máis en contacto coa natureza, coa aldea, ca hoxe...
Si, ela e os irmáns tiveron moita liberdade para xogar na rúa, a porta da casa estaba aberta e baixaban, viñan buscar a merenda e volvían baixar. Todos os nenos e nenas do barrio xogaban nun predio que estaba a carón do noso edificio, porque a rúa remataba onda a nosa casa. Tamén iamos moito a Sarria e pola aldea andaban con moita liberdade. Nas fins de semana do inverno, se facía bo, saiamos aos montes arredor de Vigo, eu preparaba a comida e iamos comela a San Mamede, Aloia, Monteferro....; e no verán iamos á praia. Se iamos por pouco tempo, arrincabamos para Samil, pero se iamos da mañá á noite, iamos máis lonxe. Gustábanos moito a praia de Camposancos (A Guarda) e tamén o cabo Silleiro.

Na porta da casa da Vilerma cos irmáns pequenos, Lois e Sabela (1974). Fonte: Arquivo familiar.

Xela Arias tamén mamou a cultura desde nena dunha maneira natural.
Si, ela mesma sempre estivo interesada pola cultura porque na casa sempre se viviu ese mundo. Valentín era xerente da Editorial Galaxia e pola casa pasaban moitos escritores. Xela e o outros dous irmáns maiores acompañaban o pai moito na editorial durante as fins de semana: arranxaban a biblioteca, cando había feiras do libros axudábanlle a preparar as caixas... Tras a morte de Otero Pedrayo, os tres botaron unha man no traslado dos libros da súa biblioteca, desde o piso que don Ramón tiña en Ourense, ata o pazo de Trasalba. E cos irmáns pequenos, Xela sempre se preocupou por ensinarlles cousas: levábaos a exposicións, ao cine...

Xa de adulta, non só destacou como creadora, tamén como editora e tradutora. Entre outros, gañou o Premio de Tradução da Sociedade de Lingua Portuguesa por verter ao portugués Amor de perdición de Camilo Castelo Branco (1986, Xerais). Cal foi a súa relación coas linguas naqueles primeiros anos? Aprendeu portugués desde cativa?
Aprendeu. Na casa sempre falamos galego e os nenos lían tanto en galego como en castelán e en portugués, nunca tiveron problemas cos idiomas. Cando chegamos a Vigo, comezamos a ir moito a Portugal, e viñan ademais moitos escritores portugueses á casa. Os rapaces coñecían Portugal como coñecían Galicia, igual, desde Valença ata Santo António. No verán iamos facer cámping. Teño tamén uns recordos preciosísimos dunha viaxe que fixemos na Semana Santa a Quarteira. Ela xa traballaba en Xerais e se independizara. Nós marchamos antes, cos dous fillos pequenos, e Xela veu pasar os días festivos connosco. Veuse soa no tren e logo xa regresamos todos xuntos no coche.

Como poeta, un dos trazos da súa voz é a honestidade e a procura da liberdade. Declarábase inconforme coa orde establecida. Intuíase xa esa Xela adulta reivindicativa na Xela nena?
Era moi madura desde pequeniña. Cando rematou a EXB no colexio de Sárdoma, tivo clarísimo que iría estudar o bacharelato ao instituto do Calvario (IES Castelao), que acababa de abrir, porque era mixto. Por proximidade tocáballe o feminino (Santo Tomé) pero non quixo ir a un centro que separase por sexo, e a nós pareceunos ben. As inxustizas poñíana enferma. Foi sempre unha loitadora, esa coido que é a palabra que a define mellor. Loitou polas mulleres, polo galego, pola xente sen recursos, contra a guerra de Iraq... Onde puidese facer algo, alí estaba, sempre loitando contra vento e marea. E tamén foi loitadora como profesora. Sabía facerse cargo dos rapaces rebeldes, traballaba moitísimo con eles explicándolles a vida.

Que agarda deste ano das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias? Que significa para vostede este recoñecemento?
É unha mestura de moitas emocións. Sabiamos que isto podía pasar, porque xa se falou dela outros anos, pero a impresión é moi grande. Un recoñecemento coma este queda na historia das letras galegas para sempre. Xa se fixeran moitas cousas: a biblioteca de Chapela leva o seu nome, o certame de poesía Xela Arias para rapaces de toda Galicia no IES A Sangriña da Guarda, o premio Xela Arias da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, homenaxes e libros… ata se lle dedicou unha rúa en Culleredo, que aínda non puiden visitar, pero isto é como a consagración. Fóisenos moi nova e este ano estamos lembrando datas e anécdotas para toda a xente que está a traballar en libros, discos, exposicións, audiovisuais. É como volver a tela diante.