“Contentámonos con nada”, poesía social do poeta do pobo

A obra de Manuel María abrangue todas as principais liñas poéticas da segunda metade do século XX. O poeta apostou desde moi novo pola literatura como ferramenta de transformación social, unha teima convertida en temática literaria especialmente a partir da segunda metade dos anos 60 e ata finais dos 70. Nesta época son habituais os versos de denuncia e compromiso, sempre con Galicia como eixe.

O libro Versos para un país de minifundios (1969) é bo exemplo da poesía máis combativa de Manuel María. No prólogo, con data de novembro de 1968, Xosé Luís Méndez Ferrín aseguraba que o escritor se situaba con esta obra "na vangarda do galeguismo, na vangarda da poesía social nosa". "Dixen denantes poeta testemuña. E digo máis: testemuña de parte da acusación. Versos, os que tendes na man, orientados a un fin: a liberación popular de Galicia. Manuel María co pobo. Viva o pobo", concluía Ferrín.

O poeta incluíu neste libro trece poemas en verso libre que percorren distintos problemas do país: o desprezo á lingua, á que lle dedica as composicións "Renunciade á vella lingua", "A fala é comuñón e sentimento" e "A nosa nobre fala ten"; a manipulación informativa ou o colonialismo económico. "O pobo é invencíbel", "Galiza é o pobo e nada máis" e "Escribo, ¡ouh pobo meu" son outros dos Versos para un país de minifundios que deixan constancia do crecente compromiso político nacionalista de Manuel María expresado en forma de poesía. A crítica ante o sometemento e á colonización tamén están presentes nesta poesía de combate en pezas como "Contentámonos con nada", que se reproduce deseguido.

Contentámonos con nada

Contentámonos con nada.
Falamos en voz baixa
porque non somos quen
de erguer a nosa voz
unha vez soia.
Non somos quen para darlle
forza de trono á nosa voz
e disparala o mesmo
que unha bala.
Somos un pobo lírico
e saudoso, según din
autores sabidos e eminentes.
E debe de ser certo:
os poetas cursis e inocuos
son –somos- premiados
nos xogos florais; son
aplaudidos e reciben
con fondísimo agradecemento
as migallas, as cativas
migallas que lles tiran,
que lles cospen á face.
Pero aqueles que erguen
valentemente a voz
cantando a verdade núa
-Manuel Curros Enríquez,
Celso Emilio Ferreiro-;
tiveron que coller
e que acollerse
aos arrepiantes
camiños do desterro.