Tribuna

Antonio Fraguas

O ano que comeza será o Ano Antonio Fraguas, persoeiro ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas, a onomástica grande do 17 de maio. Antonio ou Antón, que das dúas maneiras aparece nomeado, formas propias do galego, aínda que el preferise case sempre a primeira.

A biografía e a obra do autor, que foi membro da RAG dende 1956 ata o seu falecemento, o 5 de novembro de 1999, concita todos os recoñecementos e ábrenos a un universo extraordinariamente rico que nos próximos meses habemos de saber percorrer, estudar, ordenar e divulgar: o excepcional patrimonio da cultura popular. Iso representa basicamente a figura de Fraguas Fraguas (Loureiro de Cotobade, 1905-Santiago de Compostela, 1999). Unha vida dedicada ao estudo das raíces, a esencia patrimonial do que somos.

Os seguidores da web da Academia teñen ocasión de percorrer os principais momentos da súa biografía, así como o máis sobranceiro da súa obra, que é moi ampla e variada. O académico correspondente Clodio González Pérez preparou para este portal un documentado traballo. Mais a figura de Fraguas encarna, ademais doutros méritos biográficos e intelectuais, o estudo dos alicerces profundos da nosa cultura enxebre, ese universo propio que afonda nos séculos e que en gran medida é a razón de que esteamos aquí.

Cando estudemos a obra de Antonio Fraguas, as súas investigacións, os seus traballos, mesmo as iniciativas nas que participou ao longo da súa vida, visitaremos o tesouro inmenso da memoria de nós, as nosas tradicións, os nosos devanceiros, coma quen viaxa á raizame da estirpe. O asubío do carro volverá soar polos camiños, o alalá anunciará nas corredoiras os labores da primeira hora do día, o lume novo quentará outra vez nas lareiras, os vellos cantares rexurdirán nas romarías, os trasnos gardarán novamente os tesouros, e os nomes das cousas recuperarán a memoria doutros tempos. Os vellos oficios, os vellos camiños, os santos, as romarías, a arte de labrar a terra, as historias dos avós a carón do lume, os bailes, as músicas, a medicina popular, a arquitectura, a maneira de vestir, a organización do mundo tal como era hai cen ou cento cincuenta anos adquirirá da súa man, magnífico profesor que foi, unha nova luz. Unha luz que, sen dúbida, servirá para que as novas xeracións, neste caso tamén da man dos novos mestres, saiban un pouco máis de onde vimos, quen somos, por que estamos aquí.

En certa maneira, a lingua e a cultura galega son produto dun milagre popular. Milagre de lealdade e resistencia. Durante séculos, excluído dos chamados circuítos da alta cultura (o libro, a universidade, a administración pública, o poder da política e do diñeiro), o noso idioma resistiu non nas cátedras da universidade nin nas cadeiras de elevadas institucións, senón na xente do común, os máis humildes, na Galicia labrega e mariñeira da que fala o poeta que, malia as leis asoballadoras da historia, mantivo ergueita a propia voz, labrada na pedra dos canteiros, na rella do arado, na música dos camiños, nos cantares de romaría, nos refráns, nas adiviñas, nas mans encalecidas do traballo, mais tamén no berce dos arrolos e os bicos das nais. De todo ese universo, extraordinariamente rico, trata a obra de Antonio Fraguas.

A Real Academia Galega elixe cada ano a persoa á que se lle dedica o Día das Letras Galegas pensando na súa significación e na súa utilidade. Utilidade pedagóxica neste caso. Alén de aspectos certamente exemplares da súa biografía, alén da súa crónica vital, construída dende a coherencia e a lealdade ao seu país, don Antonio, como lle chamaban os seus alumnos e alumnas,abre para todos nós (moi especialmente para as novas xeracións, se sabemos ordenar o seu discurso) a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular.

Víctor F. Freixanes
Presidente da Academia