Tribuna

Campanas de Bastavales: a saudade feita corpo que camiña

Pertence a Cantares Gallegos, e o texto mostra aínda unha liberdade rebuldeira. Pode encubrir a fonda intención que discorre por un fondo nese tempo acaso só entrevisto de lonxe pola mesma Rosalía. Pero neles hai algo que sempre me impresionou. Era como unha especie de memoria selectiva que espontaneamente foi seleccionando os versos que moven as augas íntimas da intuición poética. Axudoume a impresionante versión cantada de Amancio Prada, que se renovou moi en vivo, escoitándoo no salón de actos da nosa Academia. E as augas volveron, intensas, a min.

O eu de Rosalía, da poeta Rosalía, móvese sen fixación de tempo nin lugar. Empeza preto, na casa familiar onde resoan fisicamente as campás, abrindo a mínima lonxanía onde esperta un inicio de saudade, que logo continúa a deitar coma unha fonte xa inestiñable. Desde alí o eu poético inicia a peregrinación sen ataduras: agrándase a distancia e afóndase o sentimento da ausencia. Rosalía sobe "enriba dos outeiros", dentro aínda dunha paisaxe familiar, de airiños, árbores e veigas: soña aínda con escoitar a "badalada primeira" na luz e promesa da alborada.

De súpeto, de xeito case inadvertido e sen aviso expreso, ábrese unha distancia misteriosa. Rosalía está xa lonxe, moi lonxe, revivindo acaso as nostálxicas estadías nas Castelas. Soña coa terra, quere acadala desde a distancia imposible. Renuncia sen poder renunciar: soña e espera. E, por un deses milagres que só acontecen nos máis altos cumios da poesía, a ansia faise intensa, reborda a imaxinación, inunda o espírito e invade a carne. Rosalía empeza a camiñar: ela enteira saudade. Saudade coma corpo que camiña.

Camiña nun camiño sen fin e xa sen meta concreta, recoñecida inatinxible: nunha pedriña me sento. E a saudade amplíase e afóndase en comuñón coa natureza. Todo se fai voz calada e símbolo elocuente. A lúa, luz e sombra, presenza en perenne ausencia, alternancia sen fin repetida de abrente e poñente, recolle todo abrindo o simbolismo cósmico: como a lúa vai saíndo, como o sol se vai poñendo. Rosalía fálalle á lúa, tamén ela soa, tamén ela camiñante sen saberse para onde, para onde vai tan soia. Pero a natureza, muda e no fondo tamén solitaria, móstrase incapaz de resposta: sen que ós tristes que a miramos nin nos fale nin nos oia. E a saudade, aberta ao mundo, no mais fondo e filosófico sentido da palabra mundo, déixaa aberta, insatisfeita, sedenta: moitas cousas lle dixera, moitas cousas lle contara.

Segue, case coma un rebordar do sentimento, que busca acougo e descanso agarrándose ao concreto: estrelas e veigas, noite e día, fontes, plantas e paxaros, vento, río e, finalmente, nubes que corren cara ao acougo maximamente arelado: camiño da miña casa. Pero tampouco agora chega resposta. Todo pasa e unicamente queda a soidade: sen compaña nin amigo. Apertura total da saudade, aberta sobre o inatinxible: por quen vivo suspirando.

E súpeto, volta ao comezo, deixándose sentir, en dramatismo íntimo e agora xa con nome, a outra resposta, a resposta outra, que se anunciaba xa na evocación inicial das campás: a voz velada da transcendencia, como resposta en esperanza que se deixa entrever no medio da angustia duramente sentida. E de novo, o milagre da poesía, cando baixa aos fondais sen fondo do espírito. As campás pronuncian a resposta, que xa non é conquista dominable, senón ofrecemento posible, pois só pode chegar como don e graza que vén e se acolle, sen romper de todo os veos da dúbida: elas tocan pra que rece, eu non rezo, que os saloucos afogándome parece que por min ten que rezar. Moitos séculos antes, Paulo de Tarso, cunha esperanza nova, bautizada na experiencia mística, dixera o mesmo en palabras que, aínda estudante, en distancia tamén saudosa, eu traducira así: "o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras".

Andrés Torres Queiruga
Membro de número da Academia