Tribuna

Aqueles xogos infantís

Os xogos tradicionais da miña infancia, atendendo á lingua, podémolos clasificar en dous apartados: os que se desenvolvían integramente en galego (Que tes na cabeza que tanto che pesa?... Orella ou cacho?... As cabras de Xan Barbeiro... Serra comadre, serra compadre... –Quen te picou? / –Picapolaina... Na beiriña do mar collín cordós... Reirrei, cantos anos vivirei?... En que casa hai lume?...) e os que introducían fórmulas en castelán (A la una anda la mula... Tres marinos en el mar... Pinto, pinto, margarinto, saca las vacas al treinta y cinco...). Ó primeiro poderíanselle engadir incontables rimas empregadas en situacións lúdicas varias (Aprinde cachola que estamos na escola. Escaravello branco, fóra do meu canto! O que acabe primeiro axúdalle ó compañeiro. –Que estás faguendo? / –Tallando e comendo. Neboaceira, putañeira, vaite prá túa ribeira, que te espera teu irmau cunha pela de manteiga. Desadorméceme pé, que te hei levar ó San Tomé; cun carriño de toxos heiche queimar os ósos...).

Malia o vulnerable que resulta o sistema lingüístico da infancia, e máis nun idioma subalterno, sorprende encontrarmos elementos conservadores e mesmo creacións propias, non sempre inventariadas nos dicionarios. Nestas liñas quero reparar nalgunhas formas utilizadas en Calvelo de Zorelle e no Soto, os meus fogares materno e paterno, no concello ourensán de Maceda.

No goá, ó que xogabamos con bugallos ou con coias de barro ou vidro (raramente coas mazacucas "tomatiños da pataca"), o gañador debía adiantarse na consecución das catro xogadas esenciais; truque-matruque, pé, tercia e goá. Chama a atención o uso da copulativa apocopada ma- (por mais) e tamén o ordinal tercia, xa desprovisto do significado de "terceira"; porque se percibía como cuarta palabra.

No trinteún, de esconderse, establecíase un coito, case sempre unha porta, de onde partía o que apandaba e onde quedaba liberado cando descubría outro xogador, sempre que lograse coitarse (tocar no coito) antes ca el (Coitomé...!). O pandote, elixido cunha fórmula de sorteo ou por medio da chamada palla perra (quedaba o que sacase o fragmento máis pequeno), debía contar en alto ata o número que dá nome ó xogo, mentres os demais se escondían. No marro da cadea e no marro seguido existían dous coitos, un por equipo; pero aquí trazábanse no chan. Funcionaban como cárcere para os contrarios e como lugar seguro para os propios. O vocalismo de coito e coitarse contrasta no sistema local co do topónimo A Pedra do Couto e co do verbo acoutar. Tal oposición achámola tamén na variante póitigas, utilizada para as da xente (Cytinus hypocistis) e para as chamadas póitigas dos cas (Orobanche rapum-genistae), e formas como apoutiñar (Moito ten que apoutiñar pra segar eso) e atoutear (Non había luz e entrei atouteando), pensando que as tres poidan derivar de pouta.

Na antiquísima billarda euroasiática encontramos oi no substantivo doile, utilizado para as dúas puntas aguzadas (Deixámoslle os doiles demasiado zochos), así como para cada un dos golpes (Doile un...! Doile dous...! E doile tres...!). Ten rendemento en frases do tipo atinoulle co doile "deulle co quid", "acertoulle onde lle doía"... Resultaba frecuente, ó andar co palau e a billarda, pedirlle a un compañeiro se aceptaba un lance para pillala coas mans (Acíbela?). O verbo acibir tamén se oía referido a persoas moi enfermas (Xa non lle acibe o corpo comida). Contrastaba cos usos de recibir (Recibiu os Santos Óleos).

Co gallo do Domingo Corredoiro, para mollar os transeúntes, amañábanse os cichotes con cana de sabugueiro (Sambucus nigra), despois de lle sacarmos a michola. Pois o nome do trebello denomina tamén o arbusto (Na Carreira Vella apenas quedan cichotes). Do mesmo xeito, dicímoslles estralantes ou estralotes á Digitalis purpurea; fronte ó esquecido soanes, que aínda coñecía a miña avoa.

Os do meu tempo, que nos contentabamos coa lagartiña o día da desfeita, cun rapeiro "boliño" persoal cocido canda a fornada ou cun inchón "torta" alfeado na boca do forno, faciamos magostos de moras, esmagándoas sobre unha pedra. Cantabamos os reises e disfrazabámonos de felos con calquera farrumeco "farrapo". Choutabamos de pasau en pasau "pasal" e construïamos caiadas "zancos". Restaurabamos os tufos no carro de catro rodas "carrilana". Botabamos cosas ['o] "carreiras" cos burros (de aí, meteulle unha boa cosa "meteuno nun bo apuro"). Xogabamos cos escornabois e coas porquiñas rubias "xoaniñas". Entretiñámonos tirando coios para capar a auga. Velabamos os paxaros que levaban o cibo. Sabiamos que o furafollas ou toí (Phylloscopus collybita) aniaba no chan entre o follato das touzas e o ringaleirón (Oriolus oriolus) nunha galla. Atreviámonos a utilizar a ponta "fío" dos zapateiros no lazo de cazar, que no Soto chamabamos liñol. Enredabamos á loita (forma viva na expresión á terceira vale a loita). Sinalabamos datas coa flor das merendeiras (Colchicaceae que, segundo a cultura popular, enmarcan a tempada das merendas) e co gato "inflorescencia" das salgueiras (como di o refrán, cando a salgueira bota o gato, tirar a chanca e pór o zapato). Entendiamos o falar do Entroido (Llorí, lengoní, pé de porco, la cachí, el cantor y su mujer, todo va en mi fardel). Apurabamos se nos botaban o zapatiño de ouro, corre coma o ouro; xa está alá, xa está acá... Chupabamos os candiotos "carambos". Andabamos ás agrias (Rumex acetosa) e ós perós (periñas do escambrón). Estromeciamos nas lamagorzas ou vellamortas, malia o medo a que a vella nos agarrase e nos atugase "afundise". Arremedabamos o paspallau (Paspallau, salta o grau!) e arretabamos "encirrabamos" a doniña das paredes (Roca, feoca!). Contemplabamos sobre as lagas as pitiñas da auga (Gerris lacustris). Faciamos gaitas coa ferraia, subiotes coa cápsula das cabaciñas (plantas do xénero Silene) e pionetas cos carretes. Mirabamos nas silvas os retratos das cobras (carreiriños das larvas minadoras do xénero Liriomyza). Puñamos na roupa os relós do demo (semente de Erodium cicutarium). Lograbamos, cun cebo de mosca, que as avespas voasen cunha herba colgando (Avespra á palla!...). Brincabamos ó couxilipé "pata coxa", á chincha-cagalla (bambear a un colléndoo polos brazos e polas canelas), á roma (pau aguzado que había que espetar no chan procurando tirar o dun compañeiro), ás chelas "queda", ás vorcalliñas, á chimpacarneira... Fendiamos unha vara para improvisar unha guincha e baixar un ramallete de uvas. Competiamos a reinar na esfolla cunha espiga moura. Ou protestabamos se ó xogar nos andaban á tema. E, máis dunha vez, chamábannos a atención porque berrabamos coma gueimotos.

A cultura tradicional infantil nos dous lugares, coma en tantos outros, foi mermando ó longo dos últimos cincuenta anos; por mor das novas formas de vida e da brutal despoboación. En Calvelo, os arredor de trinta asistentes a aquela nosa escola mixta pasaron a dous, xa concentrados na vila. E O Soto, cun centro similar, xa non ten criaturas. Deste xeito, a maior parte das manifestacións lúdicas herdadas só permanecen no recordo dos maiores.

Xoán Babarro González
Membro correspondente da Academia