Tribuna

Enrique Labarta Pose: alén de Troia

O Congreso dos Deputados de España, na súa comisión de cultura, aprobou por unanimidade o 24 de outubro de 2017 unha proposición non de lei cuxo texto di (diario de sesións núm. 349, páxina 34): "El Congreso de los Diputados manifiesta la voluntad firme de dar a conocer y promover la difusión de la figura y de la obra del intelectual, escritor y poeta baiés Enrique Labarta Pose, e instar a promover la firma de convenios de colaboración con el Ayuntamiento de Zas, en el que se ubica la localidad de Baio, donde nació, y con las entidades culturales Adro y Badius, que vienen emprendiendo actualmente actividades de homenaje y conmemoración de la vida y obra del escritor."

É este un xusto recoñecemento a unha figura capital das letras galegas, e da cultura do noso país en xeral, no período de cambio do século XIX ao XX.

Francisco Fernández del Riego escribía en 1981 o seguinte sobre Enrique Labarta Pose (Baio, 1863 – Barcelona, 1925): «... poucos escritores conseguiron en Galicia unha resonancia popular como a acadada por el...» [Faro de Vigo, 9 de maio de 1981].

A dita resonancia foi froito só dunha das partes da súa variada obra, que abrangueu poesía, narrativa e teatro; unha combinación moi pouco frecuente nas figuras do posrexurdimento. Disque o seu talento xa se anticipara en 1871, cando o neno Labarta Pose de 8 anos asombrara coa súa capacidade versificadora, e certificouse anos máis tarde, gañando a meirande parte dos certames literarios e xogos florais, aos que adoitaba concorrer.

A súa chegada á Universidade de Santiago de Compostela para estudar Dereito fixo agromar outro dos trazos que debuxaban a súa figura: a axitación cultural. Fernández del Riego cualificouno como xenuíno persoeiro da «xeración troiana». Tal alcume procede do contexto que Alejandro Perez Lugín tan ben describiu na súa novela La casa de la Troya. Nela cóntanse as andanzas estudantís de (entre outros) Casimiro Barcala, personaxe ficticio mestura de Camilo Bargiela (cónsul de España en Casabranca) e Enrique Labarta Pose. Pérez Lugín fai que Barcala encaixe co Labarta real [1]: enxeñoso, extravagante e de vida bohemia. Esa vida levouno a fundar varias revistas literarias: Galicia Humorística, La Pequeña Patria, Extracto de Literatura, Pasatiempos e Galicia Moderna. Esas cinco revistas convérteno nun dos xornalistas galegos máis importantes do período da Restauración borbónica, debido non só ao peso dos contidos, senón tamén ao feito de ser un adiantado ao seu tempo nas concepcións de maquetación e uso da fotografía. O seu carácter innovador mesmo o fixo ser o introdutor do fonógrafo en Galicia e, nos anos da gravación do primeiro disco en galego (do coro Aires da Terra), gravou en discos de cera varias composicións poéticas súas.

Eran míticas as reunións nas que aceptaba o reto dos seus compañeiros de El Diario de Pontevedra para compoñer sonetos improvisados con rima dada. A vea humorística e satírica e a prodixiosa capacidade versificadora déronlle enorme popularidade. A ese éxito tamén contribuíu o seu emprego dun galego popular no que, segundo O tío Marcos da Portela, «... parés que latexa o xenio de Galicia, (...) como si un mozo aldeano se vise de súpeto transformado en culto literato e filósofo, sentíndose como labrego dos máis rústicos...».

Tal éxito popular (Fernández del Riego considera que chegou a ser o «primeiro poeta festivo de Galicia») debería garantir a súa posición no podio dos ilustres, pero ademais non debería eclipsar o resto da súa produción. A súa obra en prosa é certamente apreciable, ao punto de convertelo nun dos narradores máis importantes do século XIX en lingua galega.

Estamos ante unha figura cuxo brillo popular, paradoxalmente, foi contraproducente para a súa valoración en Galicia décadas despois da súa morte. Dende esa perspectiva, para a súa figura tamén foi negativo o ter pasado a parte final da súa vida en Barcelona. Malia ser proposto para membro numerario da Real Academia Galega logo da morte de Ramón Armada Teixeiro en xuño de 1920, o seu asentamento xa case definitivo alí poñía demasiada distancia polo medio (a cadeira foi finalmente concedida a Ángel del Castillo en 1921).

Aínda que esa distancia foi determinante no seu esquecemento, non ocorreu así en Cataluña: co gallo do 25 aniversario do seu pasamento, o barrio de Gracia honrou a súa memoria cunha multitudinaria homenaxe.

Dende Cataluña, iso si, nunca esqueceu Galicia, como se ve no seguinte poema, que brilla pola súa contundencia e que merecería ser tomado como modelo de retrato sociolingüístico:

¡NON FALÉS O GALLEGO!

Vindo de Cataluña
onde falar o catalán é gala
y-é máis agasallado quen o fala,
arriveivos a Cruña
dicindo escontra mín: "Xa qu'acó chego,
empregarei a lingoa da terriña;
pois falando o gallego
atenderánme máis axiña
e serei estimado com'un crego".

Disposto a prauticar de boa gana
a enxebre teoría catalana,
estrenei o galaico lenguaxe
con unha moza linda, fresca, boa,
de xalleiro linaxe,
a quen me dirixín, en son de loa,
con un piropo que aprendín en Laxe,
mais ela, contestou con este aldraxe:
-"¡Ay, que peifoco! ¡Vaya a comer broa!"

Dimpois, fun a mercar unha chalina,
e o tendeiro sacóum'unha marela,
dicíndome:-"¡Eiquí ten! ¡Mire qué fina!"
Mais eu, humilde, respondinlle o vela:
-"Esa elle boa pra poñer na China".

Entón él, a oriflama en alto posta,
berróu, botando lume:-"¿Non lle gosta?
quén tal dí debe andar a catro patas.
Vosté, peisano, entenderá de bosta;
pro maldito si entende de corbatas!"

E co-estes igoales malos modos
fun recibido en todal-as visitas;
e aldraxáronme todos;
e tomáronm'o pelo as siñoritas.

-"¡Non entendo este lerio!"-
escramei con vos triste e dolorosa;
pro descifróum'a clave do misterio
unha rapaza cursi e fantasiosa.

-"¿Ese siñor quén é?" –certo suxeto
perguntóull'a modiño a aquela arpía-;
mais eu, qu'estaba preto,
escoitei qu'a muller lle respondía:

"-¿Señor? ¡Ay, quén lle dera!
véstelle de señor, pro é un peisano;
un beirolo da aldea. ¡Meu galano!
¡¡Si non sabe siquera
falar unha palabra en castellano!!"

Enrique Labarta Pose
El Ideal Gallego, A Coruña, 7 de outubro de 1923

[1] O propio Alejandro Pérez Lugín desvelou en 1919 as fontes que lle serviran de inspiración para o personaxe de Barcala. Fíxoo nunha serie de tres artigos publicados en El Diario de Pontevedra (a mención expresa a Labarta atópase no terceiro, dispoñible nesta ligazón. O primeiro pode consultarse premendo aquí e o segundo, nestroutra ligazón).

Enrique Labarta Pose agradeceullo aos poucos días, no mesmo periódico, co poema que pode lerse aquí.

O autor agradécelle a Benigno Amor, director do Museo Casa da Troia, a súa axuda na localización das ligazóns de Galiciana que conteñen as devanditas páxinas de El Diario de Pontevedra.

Jorge Mira Pérez
Membro correspondente da Academia