Académicos e académicas

Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre

Madrid, 1947
Data de ingreso
14/01/2017
A proposta de
Francisco Díaz-Fierros, Víctor F. Freixanes, Manuel González González, Margarita Ledo e Xosé Luís Regueira
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Fina Casalderrey
Exerce o cargo de
Arquiveira-Bibliotecaria (24/04/2021 - Actualidade)
Tesoureira (28/03/2017 - 26/03/2021)

Escritora, bióloga e catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela, Marilar Aleixandre, nome literario de María Pilar Jiménez Aleixandre, naceu en 1947 e reside en Galicia desde 1973. Como científica e educadora foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular do ensino das ciencias e está considerada unha das figuras máis relevantes da investigación en didáctica das ciencias en Europa. No eido literario conta cunha frutífera traxectoria, sempre desenvolvida en lingua galega, recoñecida tanto pola crítica como polo público lector.

Tras medrar en Ceuta e outras cidades españolas por mor dos destinos laborais do pai, regresou á cidade natal, onde estudou a carreira de Bioloxía. Obtivo o seu primeiro traballo na mesma facultade na que se formara, no departamento de Entomoloxía, pero os atrancos cos que tropezou por ser muller animárona a opositar ao ensino secundario. Foi así como chegou a Galicia, en setembro de 1973, destinada como catedrática no Instituto do Calvario, en Vigo. Como fixera antes en Madrid, axiña se implicou na resistencia clandestina contra a ditadura: presidiu a asociación de veciños do Calvario, participou na primeira asociación feminista galega (a do mesmo barrio) e despois na AGM…

Asemade, Marilar Aleixandre mergullábase na lingua e na cultura galegas: propuxo que o seu centro de ensino pasara a levar o nome de Castelao, foi das primeiras persoas en impartir as clases de ciencias en galego, foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais neste idioma (Xilbarbeira, editado polos autores e autoras en 1982, e Setestrelo, editado por Xerais en 1988); e máis adiante, do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co Instituto da Lingua Galega (1991).

En 1987 regresou a Madrid para traballar na formación de profesorado, pero un accidente de tráfico obrigouna a renunciar á comisión de servizos e volveu a Galicia, esta vez xa vinculada á Universidade de Santiago de Compostela. En 1990 defendeu a súa tese, que mereceu o II Premio Nacional de Investigación Educativa. Posteriormente, a edición inglesa dun capítulo desta investigación valeulle tamén o Premio de Investigación da Xunta de Galicia 1997. É ademais autora de numerosos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.

Como escritora, a faceta pola que é máis coñecida, Marilar Aleixandre conta cunha fecunda carreira, sempre desenvolvida en galego e recoñecida tanto pola crítica como polas lectoras e os lectores a través de máis de corenta títulos. A súa obra foi traducida ao portugués, castelán, chinés, catalán e éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés.

O seu debut literario produciuse en 1989 con A formiga coxa, o primeiro dos máis de vinte libros que asinou ata o momento de literatura infantil e xuvenil (LIX). Neste xénero colleitou premios como o Merlín (1994) e da Crítica (1995) por A expedición do Pacífico; o Lazarillo (1999) e o Lecturas de literatura xuvenil (2001) por A banda sen futuro; o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil (2008) e a inclusión do seu nome na prestixiosa listaxe White Ravens da Biblioteca de Munich (2009) por A cabeza de Medusa; e o Premio Raíña Lupa (2017) por A filla do minotauro.

Aínda que empezou na LIX, cultiva tamén outros xéneros nos que goza igualmente de recoñecemento. Na narrativa para adultos mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por A compañía clandestina de contrapublicidade; o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por Teoría do caos e o Premio Eduardo Blanco Amor de 2022 e o Premio Nacional de Narrativa 2022 do Ministerio de Cultura por As malas mulleres. Como poeta publicou títulos como Catálogo de velenos (Premio Esquío 1998), Mudanzas (Premio de Poesía Caixanova en 2006) ou Desescribindo (2016). Tamén ten cultivado o ensaio, a biografía e o guionismo de banda deseñada, ademais de verter ao galego A caza do Carbairán de Lewis Carroll (Lista de Honra do IBBY), Muller ceiba da poeta Sandra Cisneros, ou Harry Potter e a pedra filosofal de J. K. Rowling.

Pertence á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e ao PEN Clube de Galicia (de cuxas directivas formou parte), á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (foi quen propuxo que se incluíse "Escritoras" no nome) e á Asociación de Tradutores. Formou parte durante catro anos do Executive Committee do International Board on Books for Young People (IBBY).

En relación co seu labor docente e investigador, é integrante, entre outros, dos consellos de redacción das dúas revistas de meirande índice de impacto na didáctica das ciencias, Science Education e JRST; é membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e é socia de Nova Escola Galega, Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), a European Science Education Research Association (ESERA) e a National Association for Research in Science Teaching (NARST).