Académicos e académicas

Manuel Banet Fontenla

Manuel Banet Fontenla

A Coruña, 1871 - 1962

Nado na Coruña o 30 de maio de 1871 e finado na mesma cidade o 29 de setembro de 1962. Foi avogado, economista e notario. Tamén foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega e o encargado de ler o discurso do presidente Murguía na sesión inaugural. Ostentou o cargo de Tesoureiro desde o 19 de xuño de 1944 ata o 15 de outubro de 1944, durante unha interrupción no labor de Ángel del Castillo López.

Banet Fontenla rematou os seus estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1892 e desde entón e ata 1898 traballou como avogado criminalista. Ao ano seguinte, obtivo o primeiro posto nas oposicións a notarías e trasladouse a Monforte para o exercicio da súa profesión. En 1930, substituíndo a D. Andrés Domínguez Durán, exerceu como notario en Santiago de Compostela e, dez anos máis tarde, trasladouse ao seu último destino, á súa cidade natal, A Coruña, substituíndo a D. Ildefonso Fernández Feijoo. No ano 1946 cesou nas súas funcións como notario e regresou á carreira da avogacía co seu propio despacho na rúa Real da Coruña.

Foi un ilustre militante do rexionalismo liberal que, naquela altura, defendían numerosas personalidades da cultura na cidade da Coruña. Así, con Murguía, Pondal, Carré Aldao, Martínez Salazar, Martelo Paumán, Galo Salinas, Lugrís Freire, Pérez Ballesteros e Salvador Golpe, entre outros, participou do faladoiro celebrado na libraría propiedade de Carré Aldao que pasou á historia como Cova Céltica. Pero ademais dun intelectual, Banet Fontenla foi tamén un amante do campo e das súas xentes, por iso se converteu nun dos máis importantes representantes do movemento agrario dentro do galeguismo.          

Participou na edición e publicación de multitude de publicacións rexionalistas como A Nosta Terra e Revista Gallega. Entre as súa publicacións sobrancean as seguintes:
A prol do Estatuto. Santiago de Compostela: Nós, 1933.
“A Nosa capacitación”, Eco de Galicia. Ano 5, n.º 139, 13 de marzo 1921.
“Pol-o camiño”, Eco de Galicia. Ano 8, n.º 201, 21 de outubro 1923.
“O bilingüismo”, Boletín da Real Academia galega, t. 27, n.º 309-320, 1956, pp. 7-10.
“Discurso de celebración del cincuentenario de la Academia”, Boletín da Real Academia galega, t. 27, n.º 309-320, 1956, pp. 568-575.