Académicos e académicas

Luz Pozo Garza

Luz Pozo Garza

Ribadeo, Lugo, 1922 - A Coruña, 2020
Data de ingreso
29/11/1996
A proposta de
Xesús Alonso Montero, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Xesús Alonso Montero
Exerce o cargo de
Vicesecretaria (29/11/1997 - 19/11/2001)

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 21 de xullo de 1922 - A Coruña, 20 de abril de 2020) naceu no seo dunha familia de clase media de ascendencia galega nobre. Sendo aínda unha nena trasladouse a Viveiro onde viviu ata o comezo da guerra civil. Coa chegada da confrontación, seu pai, militante republicano, foi encarcerado, e a familia seguiuno primeiro a Lugo e despois a Marrocos ata que en 1940 regresaron a Viveiro. Durante estes anos de guerra e posguerra aproba o Exame de Estado e no Conservatorio de Madrid a carreira elemental de Piano. En 1949 conclúe a carreira de Piano (nivel superior) no Conservatorio da Coruña e acada o título de mestra de primeiro ensino. En 1963 licenciase en Filoloxía Románica pola Universidade de Oviedo. En 1964 aproba as oposicións de profesora adxunta de Bacharelato de Lingua e Literatura españolas, que a levan a impartir clases nos institutos de Badaxoz, Corcubión -como directora- ou A Coruña, cidade na que residiu desde 1964 a 1977; desde 1980 exerce como catedrática de Lingua e Literatura españolas en Nigrán e Vigo. Xubílase en 1982 e actualmente reside na Coruña.

O seu labor editorial comezou coa revista Nordésrevista de poesía y crítica, que na súa primeira andaina (1975-1976) codirixiu con Tomás Barros. Na segunda etapa dirixiu en solitario desde Vigo vinte e dous números máis de Nordés. Mantiña agora as liñas proxectadas orixinariamente, dar a coñecer a poesía galego-portuguesa actual, proporcionar unha plataforma aos novos poetas e dar a coñecer as últimas producións de ensaio e narración breve en galego: Cunqueiro, Dieste, Eduardo Moreiras, Neira Vilas, Xosefa Goldar, Fernando Agrasar, Fernández del Riego, X. María Álvarez Cáccamo, Tomás Barros, etc. Dirixe na actualidade Clave Orión: poesía, arte, música, en once números de carácter universalista.

Foi colaboradora habitual de revistas nacionais e estranxeiras. La Noche, Poesía española, Ínsula, Vida gallega, Clave Orión, Ateneo Ferrolán, Galeuzca, Nordés ou Grial son algunhas das publicacións que deron cabida aos seus artigos e poemas.

Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris (1999) e Bruxelas (1999) e participou en distintos congresos e seminarios nacionais e internacionais.

Formou parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1950 e como membro numerario desde o 29 de novembro de 1996, data en que deu lectura ao discurso de ingreso Diálogos con Rosalía, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero.

A súa obra poética abrangue títulos como Ánfora, (1949); El vagabundo (1952); O paxaro na boca (1952), que inaugura a colección Xistral, que dirixía Ánxel Xoán; Cita en el viento, (1962); Últimas palabras/ Verbas derradeiras (1975), poemario intimista que rompe todas as convencións ortográficas e no que reflexiona sobre a morte, a dor, o desamor e a angustia;Concerto de outono (1981); Códice Calixtino (1986); Prometo a flor de Loto, poemario concibido como un diálogo co finado Eduardo Moreiras (o seu segundo esposo), que foi gañadora do Premio Miguel González Garcés en 1992; Vida secreta de Rosalía (1996); Ribadeo, Ribadeo (2002); Medea en Corinto (2002); Historias fidelísimas (Antoloxía, 2003), Memoria Solar (2004), que recolle catorce poemarios de 1949 a 2004, As arpas de Iwerddon (2005), As vodas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009), Rosa tántrica (2016) e Pazo de Tor (2019).

Como ensaísta publicou Álvaro Cunqueiro e 'Herba de aquí e acola' (1991); A bordo de 'Barco sin luces' sobre Luís Pimentel; Galicia ferida (A visión de Luís Seoane) (1994); Ondas do mar de Vigo: Erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo, (1996). Así como  numerosos artigos sobre Rosalía, Otero Pedrayo, Castelao, Dieste, Manuel Antonio, Franco Grande etc.

O seu intenso labor literario fíxoa merecedora, entre outras, das seguintes distincións e premios: en 1974 foi premiada na VII Festa da Cantiga polo poema 'Noticia dende a Cruña a un amigo foraño' (Flor Natural); en 1990 gañou o premio Tomás Barros de ensaio; no ano 1992, o primeiro Premio de Poesía da Deputación da Coruña; en 1994, o Premio Gallegas distinguidas, de Diálogos 90; en 1995 foille concedida a Medalla Castelao; no ano 2001 recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (co Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia: monólito e dedicación dunha rúa en Ribadeo) e o Premio Celanova. Casa dos poetas; No ano 2002, o Premio Galicia en Feminino: Premio á participación artístico cultural das mulleres.

Os seus poemas foron traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.

Como directiva, pertenceu ao PEN Clube de Galicia. Os Concellos da Coruña e da Pobra do Caramiñal dedicáronlle senllas rúas, e foi declarada filla adoptiva de Viveiro e filla predilecta de Ribadeo.