Académicos e académicas

Euloxio Rodríguez Ruibal

Euloxio Rodríguez Ruibal

Ordes, A Coruña, 16/03/1945
Data de ingreso
24/03/2006
A proposta de
Salvador García Bodaño, Francisco X. Río Barxa e Xosé Luís Axeitos Agrelo
Resposta pronunciada por
Xosé Luís Axeitos Agrelo
Exerce o cargo de
Arquiveiro-Bibliotecario (23/01/2010 - 20/04/2013)

Ordes, 1945. Renovador da dramaturxia galega contemporánea canda outros autores do Grupo Abrente, cultiva tamén a narrativa, a poesía, o ensaio e o cine. Licenciado en Arte Dramática e doutor en Teoría da Literatura, foi profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Integrado desde moi novo na escena teatral compostelá, entrou a formar parte en 1961 de Ditea, acrónimo de Difusión do Teatro Afeccionado, da man do actor e director Juan Jesús Valverde, e alí dirixiu en 1967 a súa primeira obra, Asia, de Henri René Lenormand. Xa en 1971 fundou o grupo teatral Obradoiro co que representou as obras La Tuta y la Ramoneta, de Llorenç Villalonga, e As falcatrúas do Marqués Patacón, adaptación do anónimo medieval francés La farce de Maître Pathelin. 

En 1973 participou na primeira Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, e resultou gañador do concurso de textos teatrais en galego con Zardigot, publicada en 1974. Esta obra, considerada fundacional do teatro galego contemporáneo, introduce técnicas de distanciamento do teatro épico brechtiano sobre un argumento de violencia existencial e política, cunha linguaxe rica e alusiva que remite á Nova Narrativa Galega. Tamén en 1973 escribiu O roubo do aparello, mención especial no concurso de contos infantís O Facho, traducida ao catalán e representada polo grupo Jocs a la sorra.

Neses anos, de par doutros autores que participaron na Mostra de Ribadavia entre 1973 e 1980, como Manuel Lourenzo e Roberto Vidal Bolaño, formou parte do chamado Grupo Abrente, que tivo un papel fundamental na configuración da dramaturxia galega moderna, cun estilo caracterizado pola súa transgresión formal, carácter fragmentario, mestura de rexistros e vontade de intervención política. Nesta liñaxe encádranse obras como A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida (1975), unha farsa carnavalesca que remite ao Ubú Rey de Jarry e o teatro do absurdo. En 1977 publica O cabodano -Premio Abrente 1975-, que proxecta a violencia da guerra civil sobre un macabro universo familiar. De 1977 son tamén a homenaxe a Castelao Cousas da morte e A sombra do bon cabaleiro

Logo dun silencio creativo, Euloxio R. Ruibal retornou á escrita en 1989 coa obra Azos de esguello, que retrata a corrupción política e o caciquismo na Galicia preautonómica e que resultou gañadora Premio Álvaro Cunqueiro. A esta seguíronlle Unha macana de dote (1990), Vive a túa vida (1991) e A greta Chirintolas. Brinquedo para títeres (1996). En 1991 recolleu en Teatro mínimo (1991) sete pezas de pequena extensión marcadas polo desexo insatisfeito ou aberrante, mentres que en Maremia (1996) Ruibal escenificou un desastre ecolóxico nas costas galegas. N’O son da buguina (1999) desenvolve un psicodrama metateatral situado nun presidio norteamericano. Máis adiante publicou Luscofusco (2000) e Labirinto da memoria (2010), así como diversos textos breves escolmados en Minimalia. 20 pezas curtas (2004). 

A súa obra dramática para o público máis novo está publicada nos volumes Teatro infantil (O aparello troca tempos, Os ledos chirlomirlos de don Farraco Farraqueiro, A marquesiña encantada) (1988) e Brinquemos ó teatro (25 peciñas para nenos e xoves) (1990). 

Defensor dun cine no que primen os criterios culturais e artísticos fronte aos mercantís, fundou, en 1971, o equipo de cinema independente Lupa canda Félix Casado e Roberto Vidal Bolaño, cos que dirixiu pezas de ficción e documentais etnográficos. Entre os ficcionais, atópanse a curtametraxe experimental Catro x catro (hoxe perdida), a brechtiana Holocausto (1972), ou a inacabada Inqueda volta (1973). A vocación etnográfica do equipo Lupa ficou patente en documentais como A rapa das bestas (1972), filmada en Candaoso (Viveiro); A procesión das Mortallas (1972), sobre a celebración relixiosa da Pobra do Caramiñal; O Corpiño (1973), que grava a romaría dezana, ou Peliqueiros (1973), sobre o Entroido de Laza. Nunha categoría aparte atópase o documental Mesturanza (1972), sobre unha mostra de serigrafía galega.  En 1975 colaborou na filmación do derrubamento do emblemático edificio Castromil, situado na praza de Galicia. 

En  1975 disolveuse o grupo Lupa, mais Euloxio Ruibal seguiu preparando guións, algúns deles filmados, como Macana de dote, che (1991), televisados, como Chacharachada e Aire fresco, ambos de 1990,  ou publicados: Maruxía (1998), Baile de máscaras (2001), Namberguán (2008). No 2008 escribiu e dirixiu a mediametraxe VertiX e, ao ano seguinte, a curta Mamai Fedra (2009). Participou, así mesmo, nas nas II Xornadas do Cine de Ourense de 1974, propoñendo un cine galego documental, independente e arriscado ética e estéticamente, afastado dos formatos máis comerciais. 

No eido da investigación, Euloxio Ruibal doutorouse coa tese Valle-Inclán e o teatro galego, dirixida por Anxo Abuín, editada en 2005 e gañadora do premio Valle-Inclán da Deputación de Pontevedra. Participou en diversos cursos, seminarios e congresos con relatorios sobre autores como Castelao ou Luís Seoane, e parte das súas intervencións foron escolmadas nos volumes Xogo de máscaras (2003) e Escena aperta (2009).

Como narrador, publicou De corpo enteiro (1994), unha escolma de relatos editados con anterioridade en prensa, revistas e libros colectivos. Na súa novela Casarriba (2000), desenvolve un argumento sobre a perda de identidade cultural nos contextos urbanos.  Tamén deu ao prelo o poemario Caderno de Ordes (2012), no que lle rende homenaxe ás persoas e os lugares da súa terra natal.

O seu interese polas artes plásticas levouno a rexentar dúas galerías de arte en Santiago de Compostela, Torques (1975-1979) e Citania (1978), nas que expuxeron artistas galegos contemporáneos, como Laxeiro, Seoane, Colmeiro, Torres, Mallo, Castillo, De Dios, Lamazares… ou foráneos -Picasso, Miró, Saura, Tàpies, etc. A revista de estudos artísticos e literarios Citania. Artes, letras, espectáculos, que codirixiu, foi unha das iniciativas culturais paralelas xurdidas desde a galería do mesmo nome. Coordinou tamén a edición de varios cartafoles de obra gráfica dos artistas expostos nas dúas salas.

Foi presidente da Asociación de Autores Dramáticos de Galicia e mais da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e do Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago (CEFILMUS). 

Ingresou na Real Academia Galega o 24 de marzo de 2006 co discurso Do escénico e fílmico. Notas sobre a linguaxe teatral no cinema contemporáneo. O ensaio, lido no salón nobre do Colexio Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, foi respondido por Xosé Luís Axeitos. Como académico, Euloxio Ruibal ocupou o cargo de arquiveiro-bibliotecario entre 2010 e 2013.

O libro de homenaxe Teatro, cerimonia e xogo. A traxectoria teatral, literaria e cinematográfica de Euloxio R. Ruibal (2001), coordinado por Anxo Abuín, recolle unha escolma de textos críticos sobre o dramaturgo ordense.