Académicos e académicas

Andrés Torres Queiruga

Andrés Torres Queiruga

Ribeira, A Coruña, 1940

Aguiño, Ribeira, 1940, Teólogo, sacerdote e profesor da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, é autor dunha extensa obra ensaística na que prevalece a vontade de conciliar o pensamento contemporáneo coa experiencia relixiosa. Comprometido desde moi novo no achegamento entre a Igrexa Católica e a lingua e cultura galegas, formou parte do equipo que traduciu a Biblia ao galego.

Desde os seus primeiros traballos teolóxicos, Torres Queiruga procurou repensar Deus dun xeito accesible á sociedade do seu tempo, poñendo en práctica unha reflexión crítica da modernidade seguindo a tradición filosófica da Escola de Frankfurt. A súa obra revisa posicións dogmáticas no seo da Igrexa, como se pode apreciar xa desde os propios títulos dos seus libros: Repensar la Cristología. Ensayos hacia un nuevo paradigma (1996), Repensar a resurrección (2002) ou Repensar o mal (2010). A súa concepción do Espírito Santo ou da relación de Deus coa creación valéronlle a crítica desde posicións minoritarias dentro da Igrexa Católica. En 2012 a Comisión da Doutrina da Fe da Conferencia Episcopal Española apercibiuno por “distorsionar elementos da fe da Igrexa”. Ante esta chamada de atención, a Real Academia Galega publicou un comunicado defendendo a liberdade de pensamento do intelectual.

Andrés Torres Queiruga iniciou no seminario de Santiago de Compostela a súa formación eclesiástica, que proseguiu na Universidade de Comillas, onde obtivo a licenciatura en Filosofía en 1962 e en Teoloxía en 1966. Ordenado presbítero en 1966, continuou os seus estudos na Universidade Gregoriana de Roma. Na cidade italiana coincidiu con outros relixiosos galegos como Xesús Ferro Ruibal, Uxío Romero Pose, Xoán Trillo Pérez ou José Martinho Montero Santalha, cos que formou o chamado Grupo dos Irmandiños ou Grupo de Roma. Canda eles, Torres Queiruga foi un dos asinantes do “Manifesto para a supervivência da cultura galega”, publicado no outono de 1974 na revista de Lisboa Seara Nova e na madrileña Cuadernos para el diálogo.

Doutorouse en Teoloxía en 1973 coa tese Constitución y evolución del dogma: la teoría de Amor Ruibal y su aportación, publicada en 1977. A figura e a obra do teólogo e filósofo barrense, comprometido co estudo da cultura galega, mereceulle unha atención constante, e foi tamén o protagonista da súa tese de doutoramento en Filosofía pola USC, Noción, religación, trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri, lida en 1988 e dirixida por Carlos Baliñas Fernández.

Xa de volta en Galicia, comezou a traballar como docente de Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán e, máis tarde, acadou a cátedra de Filosofía da Relixión da Universidade de Santiago de Compostela, onde impartiu tamén as materias de Clásicos da metafísica e Filosofía alemá na época da ilustración.

Implicado desde moi novo nos debates galeguistas, mantivo unha extensa relación epistolar con Ramón Piñeiro, quen o consideraba “o primeiro teólogo galego” e con quen compartía, ademais, o interese pola saudade, temática que desenvolveu en numerosos artigos e ensaios, entre eles, o seu discurso de entrada na Academia, contestado polo escritor de Láncara. Torres Queiruga publicara en 1965 o seu primeiro artigo no número 9 da revista Grial, “Nota pra unha teoloxía do galeguismo”. Nese mesmo volume dábase conta dos primeiros contactos para a creación da Sociedade de Estudios, Publicacións e Traballos (SEPT), editorial cristiá galega coa que mantivo un intenso contacto.

Logo de participar en dous títulos colectivos editados en 1972, A crise actual da conciencia relixiosa e As relacións Eirexa-Mundo en Galicia, publicou na mesma editorial os seus dous primeiros libros, Teoloxía e sociedade (1974) e Recupera-la salvación (1977). Este último, traducido ao castelán en 1978, recibiu ese mesmo ano o Premio da Crítica de Galicia de ensaio. En 1985 publicou en Galaxia A revelación de Deus na realización do home, tamén Premio da Crítica de ensaio e traducido ao castelán, portugués, italiano e alemán. En 1996 publicou Recupera-la creación. Por unha relixión humanizadora (SEPT), traducido ao alemán e Premio Antón Losada Diéguez.

En 1990 recibiu o Premio Nacional de Tradución de España ex aequo por verter ao galego a Biblia. Este traballo comezara a formularse tras o Concilio Vaticano II (1962-1965), que establecía unha liturxia máis achegada ao pobo substituíndo o latín polas linguas vernáculas. En 1973 o consello de administración da SEPT asumiu o proxecto, e foi creado un grupo de traballo que Torres Queiruga coordinou canda Xosé Fernández Lago. En 1980 saíu do prelo a tradución do Novo Testamento, e a nove anos despois, a edición completa da Biblia en galego, trasladada directamente do hebreo, o arameo e o grego.

En 1977 foi un dos fundadores da revista Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián, da que foi director ata 2007. Pertence ao consello de redacción de varias revistas teolóxicas españolas, e tamén colaborou coa Asociación Irimia, que en 1995 publicou o seu libro O inferno.

O académico participou en numerosos congresos internacionais e a súa obra está traducida a varios idiomas. Mantén correspondencia epistolar con numerosas persoeiros, entre eles, a poeta Lupe Gómez, quen publicou parte do seu intercambio epistolar no volume Fosforescencias (2019).

Galardoado co premio Galego Egrexio en 1994 e co Premio Trasalba en 2003, Torres Queiruga mereceu numerosas homenaxes e recoñecementos ao longo da súa carreira, algunhas delas, en formato libro, como as recollidas en Repensar a teoloxía, recuperar o cristianismo : homenaxe a Andrés Torres Queiruga, publicado no 2012.