Tribuna

Gromo epidémico

A RAG acaba de recomendar a utilización do termo gromo epidémico ou simplemente gromo, cando polo contexto non é necesaria unha precisión denominativa, para o que en castelán se coñece co nome de brote (epidémico)¸ e que podemos definir como 'a aparición repentina dunha doenza debida a unha infección nun lugar específico e nun momento determinado'. Falamos, por exemplo, dun gromo de xarampelo cando nun lugar e de maneira repentina aparece un número de casos de persoas con esta doenza, que pode estenderse no tempo varios días e mesmo ata dous ou tres meses; e nos últimos tempos falamos cada día da aparición de novos gromos de covid-19. Xeralmente considérase que dous casos dunha doenza transmisible asociados no tempo e no espazo son abondos para constituíren un gromo.

Cando o gromo se descontrola, se mantén no tempo e aumenta o número de casos falamos xa de epidemia, e cando o gromo epidémico afecta a máis dun continente e os casos en cada país non sexan importados, senón provocados por transmisión comunitaria, falamos de pandemia.

As motivacións da denominación
Para definir este fenómeno son fundamentais dúas notas semánticas: a) trátase do momento inicial dunha doenza; b) o seu carácter repentino e nalgúns casos mesmo explosivo. E van ser estes dous trazos característicos os que están na motivación das denominacións que as linguas románicas da nosa contorna escolleron para denominar esta realidade.

- Motivación 1: "vir de dentro para fóra, emerxer"
A idea de emerxer, de saír de dentro para fóra, é a que está na orixe da denominación portuguesa surto, voz procedente do latín popular SURCTU, variante do clásico SURRECTU, participio pasivo de SURGERE 'xurdir'. No portugués documéntase esta voz desde o século XVI. O substantivo surto non aparece nunca documentado con ningún dos seus significados na historia da lingua galega, nin nos textos escritos, nin nas obras lexicográficas, nin en ningún dos estudos de carácter dialectal realizados sobre diversos puntos do territorio galego. Só o adxectivo surto, co significado de 'ancorado, fondeado', foi utilizado por Xavier Alcalá no ano 1998 na súa obra Alén da desventura ("O caso foi que, estando xa o navío surto na ría, había unha verdadeira conspiración de silencio"), sen dúbida tomando prestada a voz do portugués. E é evidente a procedencia da información do Dicionário Estraviz, que lle fai perder todo valor documental, se comparamos o contido do artigo surto do Dicionário da língua portuguesa de Porto Editora na 5ª ed. de 1975:
surto, adj. fundeado; ancorado;
s.m. voo arrebatado de ave; fig. arranco; ímpeto; arrebatamento; aparecimento de epidemia.
(Lat. *surctu, por surrectu, de surgere?)
co contido do Dicionário de Estraviz, s.v. surto:
surto
ADJ.
Fundeado, ancorado: os navios surtos no porto.
S. M.
(1) Voo arrebatado de ave.
(2) FIG. Arranco, ímpeto, arrebatamento.
(3) Aparecimento de epidemia.
[lat. *surctu, por surrectu]

- Motivación 2: "o rebento das plantas".
Emparentada coa anterior está a motivación que compara a irrupción destas doenzas co rebento que dá orixe ao desenvolvemento dunha nova planta, dunha póla ou dunha folla. Obedecen a esta motivación o catalán brot, o castelán brote (que, aplicado ao desenvolvemento dunha planta, aparece documentado xa no ano 1380, pero no sentido patolóxico, referido ao xurdimento repentino dunha doenza, non se documenta ata o ano 1876). Tanto o catalán brot coma o castelán brote son voces de orixe xermánica, que se remontan ao gótico *brut, emparentado co alto alemán brozzen 'xermolar' e o anglo breotan 'romper, saír cara fóra rompendo'.

-Motivación 3: "empurrar con forza ou violentamente".
É a idea que subxace no francés poussée 'manifestación repentina e intensa dun mal', substantivo formado a partir do verbo pousser 'exercer unha presión', continuador do latín PULSARE 'empurrar violentamente'. Existe unha evidente proximidade entre todas estas motivacións, como se pode ver no feito de que o verbo francés pousser se emprega tamén, especialmente aplicado ás plantas, no sentido de 'crecer', 'desenvolverse rapidamente'. O significado que nos ocupa pode verse claramente en exemplos como: la poussée de nouveaux cas affecte la saison touristique en Floride aux États-Unis; L'arrêt du traitement peut exposer à une réactivation de la maladie, qui peut se manifester par la survenue de poussées.

- Motivación 4: A idea de "explosión".
O termo máis usual en italiano para expresar o concepto que estamos estudando é scoppio, que desde a idea de 'abrirse algo con violencia e ruído, por exceso de presión', 'estalar', pasou a adquirir tamén os significados de 'irrupción repentina dunha manifestación emotiva, dun sentimento, dun estado de ánimo (avere uno scoppio d'ira que en galego diriamos 'ter un ataque de ira') e 'aparición imprevista e repentina de feitos negativos ou de sucesos daniños e perigosos (lo scoppio. di un'epidemia di colera costrinse le autorità a prendere misure di emergenza). O italiano scoppio provén do latín scloppus e stloppus, voz onomatopeica, que significaba 'estalo'.

-Motivación 5: A idea de "laparada".
No francés tivo certo éxito para designar este concepto a voz flambée, que se utiliza na linguaxe común para designar o lume que arde rapidamente cunha chama clara, alta e luminosa que produce moita calor, pero que pasou a designar tamén 'un acceso ou ataque brusco e violento' (une flambée de colère), e a partir de aquí adquiriu tamén o significado de emerxencia brusca dunha doenza: La fermeture de la frontière terrestre est envisagée par la France, cela suite à la flambée des cas en Catalogne.

- Motivación 6: a atención centrada no lugar onde se produce a aparición do mal.
Quizais o termo máis utilizado no francés, sobre todo na linguaxe especializada, sexa foyer (épìdémique), voz que procede do latín vulgar *focarium, substantivación do adxectivo do latín tardío das glosas focarius , 'referido ao lume ou ao lugar onde se fai o lume', formado á súa vez sobre o lat. clásico focus 'lume'.

O foyer pasou de designar o lugar onde se fai o lume, e o lugar onde habita a familia, a usarse tamén como termo especializado da linguaxe médica co significado de " Lieu où apparaissent des cas d'une maladie quarantenaire résultant de cas importés ou non": Foyer d'épidémie. Des foyers multiples d'une peste qui avait toutes les caractéristiques de la peste orientale. A partir desta acepción, equivalente ao noso "foco", pasouse a utilizar en moitos contextos en que non existe unha vinculación directa co lugar onde se produce, senón coa aparición ou coa propia acción de 'producirse': Le foyer épidémique aurait démarré de cet endroit ('o gromo epidémico partiría deste lugar').

Gromo, a escolla para o galego
Calquera das motivacións examinadas serían válidas para adoptar un termo especializado que designe en galego a aparición repentina dunha doenza debida a unha infección nun lugar específico e nun momento determinado. E varias foron as opcións que estudou a RAG antes de tomar unha decisión. Despois de valoradas as distintas posibilidades, considerouse que as denominacións que mellor acaían dentro do contexto ibérico eran as que establecen un paralelismo entre a aparición dunha doenza e o 'agromar das plantas': o xurdimento dunha doenza comparado co pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores. E dentro desta motivación, había moitas opcións denominativas: abrocho, bota, botón, gomo, gromo, rebento, xema... Finalmente optouse por recomendar a voz gromo, por unha serie de razóns: a) responde semanticamente á idea de 'comezo de algo novo'; b) non ofrece ningunha dúbida da súa galeguidade; c) é unha voz que no sentido botánico está documentada no galego xa desde o século XIV (na Historia Troyana); d) tivo un enorme uso tanto literario coma nos textos de carácter culto desde o século XIX; e) posúe aínda unha gran vitalidade dialectal na acepción botánica; f) e permite en xeral, debido á súa estrutura fonotáctica, a creación de novos derivados, caso de seren necesarios, amais de ofrecer xa creado un verbo derivado agromar, tamén de gran vitalidade na lingua culta.

Examinouse tamén a posibilidade dun substantivo broto, existente no portugués e no asturiano, pero de dubidosa galeguidade, debido á escasa documentación da familia brot- na historia da lingua galega, aínda que non se pode descartar a súa presenza en Galicia se temos en conta que nun amplo territorio do territorio galego é coñecido o substantivo bertón para denominar o gromo desenvolvido da col, denominado noutros lugares coa voz xeno. E todo parece indicar que o bertón é unha forma disimilada e metatizada dun *brotón, aumentativo de broto. Esta opción aliñaríanos co castelán e o catalán brote.

A opción do portugués "surto", que responde a unha motivación parecida, refugouse por tratarse dunha formación allea ao galego, que non tería ningunha xustificación fóra do préstamo puro e duro. Dentro da mesma familia etimolóxica do portugués "surto", examináronse outras opcións, entre as que a única que parecía viable, atendendo ao xenio da lingua e aos procedementos de formación de palabras do galego, era o substantivo xurdimento (e para o castelán "rebrote", caso de adoptarmos unha solución sintética, rexurdimento). A RAG non optou por esta vía por considerar que era unha denominación demasiado xenérica que facía referencia á idea de 'nacemento' ou 'aparición', pero que xa estaba cargada de demasiadas acepcións, o que a facía pouco recomendable para ser utilizada como un termo especializado.

A 'repunta' e o 'novo gromo'
Todos vivimos no proceso desta pandemia da covid-19 a aparición de gromos da doenza que foron controlados e eliminados. Pero tamén vimos como en non poucos casos en lugares onde parecía eliminada a doenza, volveron aparecer outros gromos.

Este fenómeno de 'aparición de novo dun gromo dunha doenza infecciosa nun lugar onde xa existira con anterioridade' é denominado en castelán co substantivo rebrote. Para designar esta realidade algunhas voces pronunciáronse a favor da utilización do adxectivo novo especificando o substantivo. De maneira que, de seguir esta opción, teriamos en galego novo gromo como equivalente do castelán rebrote.

Esta proposta ten un pequeno problema: o da polisemia da unidade terminolóxica novo gromo, que indicaría, por un lado, 'un gromo que aparece de novo no mesmo lugar de onde fora erradicado' pero tamén 'un gromo novo que aparece nun lugar onde non había a doenza ata daquela'. Dito doutro xeito, o castelán rebrote non sempre equivale a nuevo brote: mentres que o "rebrote" implica que xa houbese un "brote" anterior (rebrote de coronavirus en Barcelona) , un "novo brote" pode aparecer en calquera lugar (apareció un nuevo brote de la pandemia en Corullón, un lugar que ata ese momento estivera libre da doenza).

Para evitar esta confusión a RAG propón adoptar o substantivo repunta para cando volve aparecer o gromo no mesmo lugar onde xa o houbera (castelán rebrote), tomando como base a acepción do verbo repuntar: [Algo] volver a aparecer (repuntou o andazo).

En moitos casos non haberá problema para usar novo gromo con este significado de 'repunta', porque o contexto aclarará o sentido en que se está utilizando, pero cando sexa necesario utilizar unha maior precisión conceptual, debemos saber que a repunta dunha doenza contaxiosa implica que esta se dea no mesmo lugar en que xa existiu con anterioridade, mentres que un novo gromo non implica necesariamente que nese lugar existise xa un foco anterior da doenza.

Conclusión
De acordo con estas decisións, as entradas gromo, agromar, repunta e repuntar sofren lixeiras modificacións no DRAG para lles dar cabida a estas novas acepcións, e quedan redactadas da seguinte maneira:

gromo
substantivo masculino
1. Pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores. Na primavera as plantas botan os gomos. SINÓNIMOS abrocho, bota3, botón1, gomo, rebento, xema. CONFRÓNTESE braveiro.
2. Primeira manifestación ou aparición de algo. Os discursos xenófobos alimentaron os gromos de racismo.
3. Aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar. Os expertos asociaron o gromo de sarampelo á falta de vacinación. Apareceron gromos da covid-19, que non foron atallados a tempo.

agromar
verbo intransitivo
1. [Planta] botar gromos. Os caraveis empezaron a agromar. SINÓNIMOS abotoar, abrochar2, abrollar, agomar, xenar.
2. figurado Comezar a aparecer. Cando agroma o seu sorriso, todo se ilumina.
3. figurado [Unha doenza] manifestarse de forma repentina. Os traballadores deixaron de acudir á fábrica cando agromou de novo a Covid-19. A epidemia do novo coronavirus, que agromou na China, propagouse axiña por Europa.

repuntar
verbo intransitivo
1. [Algo] adquirir novo vigor. Está repuntando a economía.
2. [Algo] volver a aparecer. Repuntou o andazo.
3. Marítimo. [Marea] empezar a crecer. Cando repunta a marea é bo momento para pescar.

repunta
substantivo feminino
1. Subida ou aumento que experimenta un feito ou proceso. No último ano houbo unha repunta do índice de natalidade.
2. Nova aparición de algo, especialmente dunha enfermidade epidémica nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición. As medidas de hixiene e o confinamento buscaban evitar a repunta da epidemia.
3. Comezo da subida da marea. Na repunta da marea as mariscadoras saen da auga.
4. Xeogr. Punta ou cabo de terra máis saínte ca outros inmediatos. Sinaloulle no mapa a repunta que visitaran.

Manuel González González
Membro de número da Academia