Tribuna

Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena (I). Compañeiros de cadea

No ano en curso conmemóranse os centenarios de Ramón Piñeiro (Láncara, 3 de maio de 1915 – Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1990) e Koldo Mitxelena / Luis Michelena (Rentería, 20 de agosto de 1915 – San Sebastián, 11 de outubro de 1987). Trátase de dous personaxes cun perfil diferente, pero con traxectorias que presentan puntos de contacto e paralelismos moi significativos, que en todo caso deixaron un impacto moi notable nas culturas e as linguas galega e vasca e mais na singradura política de cadansúa nación. Ambos os dous foron intelectuais no sentido clásico do termo: traballadores do espírito, actuaron no ámbito público movidos por un forte compromiso tanto cos seus pobos, canto cuns ideais e valores moi definidos. Ramón Piñeiro foi un pensador, militante e xestor político-cultural extaordinariamente lúcido, activo e eficaz. Koldo Mitxelena desenvolveu un curriculum académico brillantísimo, dedicado nunha parte substancial ao cultivo, promoción e codificación do éuscaro. Nin o éuscaro común (euskara batua) nin o galego culto de hoxe serían o que son sen as súas achegas.

Ambos os dous foron militantes nacionalistas nos tempos de entusiasmo da IIª República, Mitxelena no Partido Nacionalista Vasco e Piñeiro no Partido Galeguista. Por volta de 1943 atopáronse en Madrid, ambos os dous implicados na militancia política clandestina, poñendo en risco as súas carreiras –as súas vidas– na loita contra a ditadura. Compañeiros de pensión e de fatigas, en abril de 1946 caeron xuntos nas mans da Policía política do franquismo, foron xulgados conxuntamente e partillaron as penurias da cadea, na compaña dos irmáns Camilo e Cesáreo Saco, bravos galeguistas. Forxaríase así unha fraternal amizade que se prolongou o resto das súas vidas, como testemuñan as máis de sesenta cartas de Mitxelena que se conservan no fondo de Ramón Piñeiro na Fundación Penzol. Asegura este: "Mitxelena e mais eu conservamos a amizade ata a súa morte. En realidade fomos como irmáns". Lembra Piñeiro como prepararon conxuntamente a súa defensa, e Mitxelena matiza que o seu compañeiro tentou descargalo de responsabilidades penais (a el e aos irmáns Saco), presentándose como único responsable: "Entre los dos lo preparamos muy bien; Piñeiro, que es muy inteligente y muy duro, me dejó en una situación muy fácil". De feito, a Piñeiro condenárono a seis anos de prisión, mentres que a Mitxelena e aos irmáns Saco lles impuxeron "unicamente" dous.

Cando caeu preso, a vocación lingüística de Mitxelena estaba xa claramente definida. Piñeiro comezara os estudos de Filosofía na posguerra, renunciando á súa vocación inicial de filólogo, aínda que esta sería unha pulsión que espreitaría decote no futuro. A cadea foi tamén escola, de xeito que nas trocas intelectuais co seu colega vasco reverdeceu a vella paixón do galeguista pola Filoloxía. Lembra el mesmo: "Como Mitxelena recibía tamén moitos libros, que llos facilitaban os vascos, e a súa paixón era a lingüística, aproveitei para ler libros desa materia, que antes da guerra era a que máis me interesaba desde o punto de vista intelectual".

Pero non influíron unicamente as lecturas comúns, orientadas por Mitxelena, senón tamén as demoradas parolas, nas que sen dúbida os dous debullaban os problemas dos respectivos idiomas e as posibles solucións: "Pasabamos horas e horas falando os dous sós de temas que no fío da conversa se ían facendo cada vez máis interesantes", lembra Piñeiro. Sabendo isto, asombra un pouco menos a clarividencia con que se expresa o noso intelectual sobre a situación do galego ao pouco de saír da cadea, en textos como o prólogo á tradución do Cancioneiro da Poesía Céltica de Pokorny. Esta obra inaugurará unha longa e frutífera serie de achegas de Piñeiro ao idioma, que, en paralelo coas de Mitxelena ao éuscaro, será obxecto de atención na seguinte entrega desta Tribuna.

Henrique Monteagudo
Secretario da Academia