Académicos e académicas

Ramón Lorenzo Vázquez

Ramón Lorenzo Vázquez

Ames, A Coruña, 16/09/1935

Bugallido, Ames. 1935. Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, é un dos maiores especialistas no galego medieval e as súas transformacións ao longo da historia deica se converter nunha lingua de seu. As súas obras Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla, Crónica Troiana e Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices contribuíron a iluminar e comprender a situación do galego na Idade Media e as súas diferentes etapas evolutivas. Participou, así mesmo, na creación e promoción de entidades clave na consolidación do galego moderno, nomeadamente o Instituto da Lingua Galega (ILG-USC).

Ramón Lorenzo cursou o bacharelato no Instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago de Compostela e os primeiros anos da carreira de Filosofía e Letras na USC, onde entrou en contacto coa mocidade galeguista da época e coñeceu a Ramón Otero Pedrayo. Xa en Madrid, onde continuou os estudos, formou parte de Brais Pinto (1958) -grupo literario impulsor de iniciativas seminais para a cultura galega- canda Herminio Barreiro, Alexandre Cribeiro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Bautista Álvarez, César Arias e Reimundo Patiño. En 1960 licenciouse en Filoloxía Románica, estudos que rematou con premio extraordinario, un recoñecemento que tamén obtivo seis anos despois pola súa tese, Traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla, dirixida por Dámaso Alonso. 

Entre 1962 e 1968 foi lector de español na Universidade de Colonia á beira de Joseph M. Piel, e máis tarde regresou como profesor agregado á USC. En 1973 gañou a cátedra de Filoloxía Románica pola Universidade de Valladolid e en 1977 retornou definitivamente á universidade compostelá, onde ocupou primeiro a cátedra de Gramática Histórica da Lingua Española e a partir de 1981, a cátedra de Lingüística e Literatura Galegas.

A investigación filolóxica -sobre todo a centrada na edición de textos antigos, a lexicografía, a gramática histórica e a historia da lingua- ocupa a maior parte dos seus numerosos artigos e publicacións exentas como Sobre cronologia do vocabulário galego-português (Anotações ao ‘Dicionário etimológico’ de José Pedro Machado) (1968) ou La tradución Gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla (2 vol., 1975-1977), publicación monumental que recolle o contido da súa tese de doutoramento e un exhaustivo glosario que se converteu no primeiro dicionario etimolóxico e histórico do galego. 

A Crónica Troiana, versión galega do s. XIV de textos medievais precedentes sobre o ciclo troiano, foi outra das obras medievais que editou. A publicación, saída do prelo en 1985, mereceu o Premio Losada Diéguez dese mesmo ano e o Premio da Crítica 1986. No 2004 viu a luz Miragres de Santiago, unha edición crítica do Liber miraculis, parte do Códice Calixtino, e en 2019, Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices. Ramón Lorenzo edita neste traballo 1880 documentos administrativos e notariais atesourados no mosteiro da montaña ourensá do mesmo nome entre 1124 e mediados do século XVI.

O académico desenvolveu tamén un intenso labor de proxección exterior dos estudos galegos, dirixindo, entre outros, o I Coloquio Internacional sobre a situación do galego (Trier, 1980) -fito para o recoñecemento deste campo de investigación fóra de Galicia-, o Coloquio Internacional de Lexicografía (Santiago de Compostela, 1986), o Congreso Internacional de Estudos Galegos (Trier, 1997), o Congreso Internacional de Estudos Galegos (Habana, 2000) e o II Coloquio Internacional de Onomástica “Onomástica Galega” (Leipzig, 2008), o XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas (Santiago de Compostela, 1989) e o II Coloquio científico internacional sobre tradición, actualidade e futuro do galego (Trier, 1993).

Dirixiu a revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía (1990) e coordinou proxectos como o Dictionnaire historique des noms de famille romans, iniciado polo seu colega Dieter Kremer; e PATROM (Patronymica Romanica), rede que ten como obxectivo a creación dun dicionario onomástico do dominio lingüístico románico desde un punto de vista histórico e lingüístico. No eido da didáctica da lingua, participou, canda Antón Santamarina, X. L. Couceiro e Guillermo Rojo, na elaboración dos manuais Gallego 1 (1971), Gallego 2 (1972) e Gallego 3 (1974).

No ámbito da tradución participou, canda outros académicos, na versión galega do Misal Romano (1987) e verteu ao galego, adoito en colaboración con Úrsula Heinze, obras alemás como O ponche dos desexos (1990), de Michael Ende, premio Ramón Cabanillas de tradución, e As galiñas do vento (2000), de Günter Grass.

Alén do labor investigador, Ramón Lorenzo tamén cultivou a creación literaria. Encadrado pola crítica na xeración das Festas Minervais, obtivo varios premios neste certame compostelán de poesía (1955, 1956, 1957 e 1959), foi recoñecido en 1956 co Premio Castelao do Centro Galego de Buenos Aires polos relatos presentados baixo o título Esa loita e publicou, na mesma época, O que se foi perdendo (1959). Tamén no campo da poesía, foi un dos impulsores e director da revista de creación literaria Dorna.

Forma parte do padroado das fundacións Rosalía de Castro e Otero Pedrayo, así como da Asociación Hispánica de Literatura Medieval. Foi membro do Consello da Cultura Galega (1983-1999); da Société de Linguistique Romane, da que foi conseiller entre 1989 e 1995; da Deutsch-Galicische Gesellschaft (Sociedade Galego-Alemá), da que foi presidente de honra desde 1998; e da Comissão de Acompanhamento do Centro de Linguística da Universidade de Lisboa. É ademais membro de honra da Associação Portuguesa de Linguística e da Asociación Hispánica de Literatura Medieval.

Alén dos devanditos premios Losada Diéguez (1985) e da Crítica (1986), Ramón Lorenzo mereceu o Galicia de Investigación (2004), foi nomeado Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica Galicia (2009) e recoñecido cos premios Lois Peña Novo (2010), Trasalba (2011) e Brais Pinto (2013), entre outros. No ano 2021 recibiu a medalla do Concello de Ames.

En homenaxe ao seu legado como investigador, docente e activista da lingua galega, cómpre salientar as obras Homenaxe a Ramón Lorenzo (1998), editada por Dieter Kremer; As tebras alumeadas. Estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo (2005), editada por Ana Isabel Boullón, Xosé Luís Couceiro e Francisco Fernández Rei; e Ramón Lorenzo, señor das palabras (2011).