Uxío Novoneyra

Ano 2010

Uxío Novoneyra

1/5

Biografía

Uxío Novoneyra -Novo Neira no rexistro civil- naceu o 19 de xaneiro do 1930 na aldea de Parada, da parroquia de Seoane ou Savane, preto da impresionante e hoxe mítica Devesa da Rogueira. Por parte de nai procedía dunha estirpe de fidalgos rurais con pazo na parroquia cebreirega de Pacios do Señor; por parte de pai, dunha familia de podentes labregos; a súa casa natal era a máis forte da aldea. Chegado o tempo, Uxío estudou o Bacharelato en Lugo, onde fixo fraternal amizade co seu estrito coetáneo Manuel María, de parecida orixe social. Xunto con el, frecuentou o trato de intelectuais da xeración anterior, como Luís Pimentel -mestre de poesía para os dous-, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Johán e Ramón Piñeiro.

Aos 19 anos, Uxío trasladouse a Madrid, onde ficou ata 1951 e se matriculou como oínte na Facultade de Letras. Volveu a Galicia para facer o servizo militar, coincidiu de novo no campamento de Parga con Manuel María. Rematado o período de instrución, os dous foron destinados a Santiago, onde seguiron en fraternidade, frecuentando de novo Ramón Piñeiro e outros intelectuais e artistas entre os cales Otero Pedrayo e Carlos Maside foron talvez os máis decisivos na súa formación.

Estando en Santiago, Novoneyra enfermou dunha pleuresía que o tivo ás beiras da morte e lle deixou longas secuelas. Aínda que ás veces facía pequenas escapadas a Lugo, a Compostela, a Madrid e a outros lugares, entre 1953 e 1962 viviu case recluído no Courel. Cando volveu para a aldea, había nela veciños vidos de fóra: María Mariño Carou e o seu marido Roberto Pose, mestre de Parada e antigo militante das Mocedades Galeguistas, os dous en amizade cordial coa súa familia, propietaria da casa da escola. A fraternal relación cotiá entre o mozo poeta, que xa escribira Os eidos, e aquela complexa muller de Noia, xa de mediana idade e cunha cultura máis fragmentaria, foi de parte a parte unha das grandes e frutíferas amizades literarias de Galicia.

En 1962, Uxío radicouse por un tempo en Madrid, onde traballou en programas de radio e televisión como comentador e recitador de poesía. Alí tamén mantivo unha fraternal amizade co pintor Reimundo Patiño e participou nalgunhas actividades do grupo Brais Pinto, ademais de frecuentar unha certa bohemia nucleada no Café Gijón. Desta época ha datar a súa amizade co gran poeta galego de expresión castelá Carlos Oroza. Pero en 1966 volveu para a casa reclamado pola vellez e enfermidade de seus pais. Seguiu residindo no Courel. Contra 1968 coñeceu a lucense Elba Rei -«leve azafrán entre laranxa e cera», diría moitos anos despois en verso perfecto- coa que casou en 1973 e coa que tivo tres fillos, Branca-Petra, Uxío e Arturo. Elba Rei é enfermeira; de casados residiron durante anos no Courel, ou máis ben entre o Courel e Lugo, ata que en 1983 se instalaron en Santiago. O ano anterior Novoneyra fora elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ostentou ata o final da súa vida.

Nestes anos composteláns, Novoneyra incrementou aínda máis a súa actividade pública, que se viñera facendo cada vez máis intensa dende mediados dos setenta, con ducias e ducias de intervencións e recitais, a miúdo multitudinarios, que o levaban por asociacións culturais e logo por centros de ensino de toda Galicia. A súa poderosa voz e o seu sabio e delicadísimo manexo de todos os recursos da expresión oral e corporal fixeron del un recitador -el prefería a palabra «dicidor»- inimitable, non só dos seus propios poemas, senón tamén dos alleos e, especialmente, das cantigas dos trobadores. A personalidade de Novoneyra, poeta xenial, estaba conformada por distintas características que o converteron nun auténtico mito: unha bondadosa inxenuidade de neno enorme -Mozo Grande, díxolle Ferrín-, un radical compromiso cívico co pobo e coa lingua e unha insubornable e tranquila honestidade na súa vida.

Uxío Novoneyra morreu en Santiago de Compostela cando apenas entrara na senectude, o 30 de outubro de 1999. Foi enterrado en Lugo, no cemiterio municipal de San Froilán. En xaneiro de 2022 os seus restos mortais foron trasladados ao Courel, á horta da súa casa, como el pedira.

Augusto P. Alberti sobre Uxío Novoneyra.

Obra

A bibliografía de Novoneyra é diversa, e algúns dos seus poemas máis célebres foron publicados en revistas ou panfletos moito antes de seren recollidos en libro: por exemplo, o "Vietnam Canto" e a "Letanía de Galicia" gozaron dunha enorme difusión e popularidade a partir de 1968. Por outra banda, hai bastantes poemas que figuran en diversos libros seus, a miúdo con variantes máis ou menos importantes. Velaquí unha síntese moi elemental:

Os eidos, Galaxia, Vigo 1955. Con prólogo de Ramón Piñeiro. A maioría dos poemas deberon ser escritos en 1952 e nos principios do 53.

Elexías do Courel e outros poemas [edición bilingüe, indebidamente titulada en castelán pola editorial], Colección Adonais, Rialp, Madrid 1966. Reeditado co título de Tempo de elexía, Vía Láctea, Oleiros 1991. Esta nova edición incorpora algúns poemas da mesma época e introduce outros pequenos cambios.

Os eidos-2, Galaxia, Vigo 1974. Contén poemas case todos posteriores ós d'Os eidos. Inclúe a "Letanía de Galicia", daquela xa célebre.

Poemas caligráficos, Brais Pinto, Madrid 1979. Contén poemas xa publicados antes, pero agora belamente manuscritos con grafía xestual polo autor, e un limiar de Reimundo Patiño.

Os eidos. Libro do Courel, Xerais, Vigo 1981. Reúne os libros Os eidos de 1955 e Os eidos-2, con algúns dos seus poemas retocados e reordenados, e incorpora algúns outros posteriores a 1974. É a edición definitiva do seu libro central.

Muller pra lonxe, Deputación Provincial de Lugo, 1986. Contén poemas de amor, algúns procedentes doutros libros e algúns novos, ilustrados con caligrafías do autor e debuxos de Carlos Pardo Teixeiro. Leva un epílogo de Claudio Rodríguez Fer, e é unha bela edición de arte.

Do Courel a Compostela, Sotelo Blanco, Santiago 1988. Contén poemas de diversas épocas e procedencias, dispersos ou doutros libros, con caligrafías do autor. Inclúe entre outros moitos o célebre "Vietnam Canto", "Letanía de Galicia" e "Romance de Manuel de Ribadaira", conformando un libro de gran densidade cívica e lírica.

Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras, Espiral Maior, A Coruña 1994. Reúne poemas escritos nos anos inmediatamente anteriores, todos inéditos ou dispersos.

Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, Hércules de Ediciones e Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, A Coruña 1998.

Falorpiñas de neve: cartas a Manuel María, Follas Novas, Santiago de Compostela 2011

Novoneyra deixou poucas e breves prosas discursivas de grande intensidade, algunhas apenas diferenciables da súa obra propiamente lírica. Publicou tamén tres libros narrativos para nenos: O cubil de Xabarín (1990), Gorgorín e Cabezón (1992) e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1997). Pero foi esencialmente un poeta e foino todos os días da súa vida, cunha nobre obsesión que encheu a súa obra de luz e de poder e que lle gañou a admiración e o amor de gran parte do pobo. Entre as moitas glorias da súa obra pódense citar dúas ben grandes: converteu o Courel nun mito nacional, e é autor dunha presa de poemas que expresan cunha autenticidade e unha eficacia milagrosa a emoción da terra, a emoción da lingua, a emoción democrática de formarmos parte dun pobo e dunha nación e dunha esperanza:

É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar.