Roberto Blanco Torres

Ano 1999

Roberto Blanco Torres

1/2

Biografía

Nado en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e finado en Entrimo o 3 de outubro de 1936, Roberto Blanco Torres foi un xornalista comprometido e un poeta que incorporou á súa obra as correntes máis vangardistas.

Emigrou a Cuba o ano 1906, seguindo a iniciativa tomada polos seus irmáns, e alí comezou a colaborar na prensa da comunidade galega baixo o pseudónimo Fray Roblanto. O semanario Follas Novas foi a primeira publicación que aceptou os seus artigos, en setembro de 1907, mais tamén colaborou con Santos e Meigas, Suevia e Galicia e fundou xornais como La Alborada (1911) e La Tierra Gallega (1915), desde onde ataca algúns dos administradores do Centro Gallego da Habana, ao mesmo tempo que colabora en prensa cubana coma o Diario de la Marina ou El Comercio. Ademais, coñeceu e relacionouse con galegos ilustres coma Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte e o líder agrarista, Basilio Álvarez, fundador de Acción Gallega, que foron decisivos na súa traxectoria ideolóxica.

O seu primeiro artigo na prensa galega aparece en 1910 na revista Vida Gallega, pero non regresou a Galicia ata fins de 1916, establecéndose na Coruña e participando nas Irmandades da Fala. A comezos de abril de 1917 publicou o seu primeiro artigo en A Nosa Terra e, en novembro de 1918, participou da I Asemblea Nacionalista. Dous anos despois fíxose cargo de El Correo Gallego, de Ferrol, e, en 1921, pasou a dirixir La Zarpa, en Ourense, ata que en 1923 se converte en redactor xefe de Galicia. Diario de Vigo. No ano 1926 casou con Xulia Sánchez Nóvoa e durante unha tempada de 1927 foi redactor xefe de El Pueblo Gallego.

É autor de dúas obras en vida. A primeira, aparecida en 1929, o seu poemario Orballo de media noite, contén 31 poemas de grande modernidade e influencia nas letras dos anos trinta. E a segunda, unha escolma de 38 artigos xornalísticos titulada De esto y de lo otro, publicada en 1930. No mesmo ano, Blanco Torres participou na creación da Asociación Galega de Escritores. Foi membro, asemade, do comité executivo da Federación Republicana Gallega e, en marzo de 1931, asumiu a dirección de La República, de Ourense. Aínda que amosando descontento co seu partido con respecto á consecución da autonomía para Galicia, entre o 29 de decembro de 1931 e o 16 de xuño de 1932, aceptou o cargo de gobernador civil en Palencia. En 1935 dirixiu El País de Pontevedra e, desde maio de 1936 ata o estoupido do golpe militar, foi xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación, participando activamente na campaña a prol do estatuto de autonomía para Galicia. O levantamento militar de 1936 sorprendeuno na casa familiar da súa muller en Amido, no concello da Peroxa, onde foi detido. Encarcerado en Ourense primeiro e trasladado a Celanova a seguir, acabou por ser asasinado polos falanxistas no concello de Entrimo o 3 de outubro de 1936. Por orde xudicial, foi soterrado nunha fosa común da igrexa parroquial de San Fiz de Galez, no concello de Entrimo.

Blanco Torres atinxiu en vida, a través do seu inxente traballo xornalístico e mesmo poético, grande celebridade como pensador de esquerdas, primeiro implicado no agrarismo e despois no galeguismo, colaborador en numerosos medios con outras personalidades relevantes como Castelao, Cabanillas, Lustres Rivas ou Paz Andrade. É fundamental, para unha reconstrución verídica da nosa historia, recuperarmos a súa memoria.

Fernando López Acuña sobre Roberto Blanco Torres.

Obra

Libros

- Orballo de media noite. A Coruña: Nós, 1929.
- De esto y de lo otro. A Coruña: Nós, 1930.

Compilacións e obras sobre o autor

- ALONSO GIRGADO, L.
Roberto Blanco Torres: Cronobiografía, escolma de textos, obra hemerográfica. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Cultura, 1999.
- ALONSO MONTERO, X (ed.)
Roberto Blanco Torres: páxinas sobre a lingua galega. Día das Letras Galegas 1999. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 1999.
- BLANCO VALDÉS, J. L. (coord.)
Roberto Blanco Torres: 1891-1936. Unha fotobiografía. Vigo: Xerais, 1999.
- DOMÍNGUEZ ALBERTE, X.C.
Roberto Blanco Torres e a loita pola supremacía ética: estudio crítico e escolla poética. Santiago de Compostela: Laiovento, 1999.
- XUNTA DE GALICIA (ed.)
Actas do Congreso Roberto Blanco Torres. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2000.
- GONZÁLEZ PÉREZ, C.
Roberto Blanco Torres: vida e obra. Noia: Toxosoutos, 1998.
- RODRÍGUEZ GUERRA, A. (ed.)
Roberto Blanco Torres: Correspondencia inédita e obra xornalística non exhumada. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Política Lingüística; Salamanca: Universidad de Salamanca, Área de Galego-Portugués, 1999.
- SEIXO PASTOR, M. (ed.)
Roberto Blanco Torres: xornalismo irmandiño. Vigo: A Nosa Terra, 1999.