Manuel Antonio

Ano 1979

Manuel Antonio

1/3

Biografía

Manuel Antonio Pérez Sánchez, o principal poeta das vangardas galegas, soubo recoller na súa obra as novas correntes europeas e hispanoamericanas, adaptándoas á nosa literatura.

Naceu en Rianxo o 12 de xullo de 1900, no seo dunha familia conservadora. Quedou orfo de pai aos catro anos, polo que pasou a maior parte da súa infancia coa avoa materna e cun tío en Iria Flavia e Padrón. Aos once marchou estudar o bacharelato a Compostela, onde entrou en contacto co republicanismo e o galeguismo. Nesta mesma cidade comezou a carreira de Filosofía e Letras, que abandonou en 1919 para cursar Náutica en Vigo. Ese mesmo ano enviou o soneto "O sol da liberdade" ao xornal La Redención, a pesar de que o seu director o rexeitara porque os seus versos non eran hendecasílabos, é dicir, Manuel Antonio non se axustaba ao canon clásico. Continuou, porén, lendo e enviando poemas a publicacións como A Nosa Terra ou Galicia; pero, xa desde moi novo, a política formou parte das súas preocupacións: en Vigo participou na II Asemblea Nacionalista de 1921 e coñeceu os membros máis influentes do galeguismo. A partir desa experiencia, Manuel Antonio adoptou un compromiso radical co idioma que lle provocou un certo afastamento de Rafael Dieste, o seu amigo de Rianxo, que non defendía un ideario galeguista tan coherente.

Despois de ler a vangarda europea, o saudosismo portugués e mais o haiku xaponés, comezou unha intensa actividade literaria publicando en revistas como Alfar ou Ronsel, de cuxo consello de redacción formou parte. En xuño de 1922 asinou xunto co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis alá! Nel propugnaban o uso exclusivo do galego e a independencia da nosa literatura respecto da española, rexeitando igualmente o estancamento da produción máis recente na tradición do século XIX. O manifesto, dirixido fundamentalmente á mocidade intelectual, quería servir de auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo.

Manuel Antonio é o poeta vangardista máis orixinal da literatura galega. En toda a súa obra domina a constante preocupación pola lingua -que tratou de depurar na procura dun rexistro literario culto- e o nacionalismo. O seu único libro publicado en vida, De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo (1928) reflicte as primeiras travesías do autor nas súas prácticas de piloto no paquebote Constantino Candeira, entre 1926 e 1927. Con todo, a súa obra tardaría moitos anos en deixar pegadas noutras xeracións literarias.

Finou por mor da tuberculose o 28 de xaneiro de 1930 na aldea de Asados, en Rianxo; e no ano 2011 inaugurouse a súa casa-museo.

Xosé Luís Axeitos sobre Manuel Antonio.

Obra

Aínda que De catro a catro foi o seu único libro de poemas publicado en vida, as edicións e compilacións póstumas recollen estoutros títulos: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais dispois e Viladomar.

Poemarios e escolmas

- De catro a catro: follas sin data d'un diario d'abordo. A Coruña: Nós, 1928.
- Manoel-Antonio: obra completa. Vigo: Galaxia, 1972.
- De catro a catro, Viladomar e outros poemas. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1979.
- Poesía. Manuel Antonio. A Coruña: Real Academia Galega, 1979.
- Foulas. Vigo: Galaxia, 2004.
- ¡Máis alá! Rianxo: Casa Museo Manuel Antonio, 2011. Con Álvaro Cebreiro.

Bibliografía sobre o autor

- GUERRA GONZÁLEZ, A.
O idioma galego na poesía de Manuel Antonio. Sada: Ediciós do Castro, 1981.
- AXEITOS AGRELO, X.L.
A poética de Manuel Antonio. Vilaboa: Edicións do Cumio, 1993.
- PENA, X.R.
Manuel Antonio e a vangarda. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1996.
- AXEITOS AGRELO, X.L.
Manuel Antonio. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Promoción Cultural, 2000.
- CONSELLERÍA DE CULTURA, XUNTA DE GALICIA (ed.)
Xornadas sobre Manuel Antonio: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Rianxo, os días 30 e 31 de marzo de 2000. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, 2001.
- PONTE FAR, J.A. (coord.)
Manuel Antonio (1900-1930). A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.
- AXEITOS AGRELO, X.L. (ed.)
Manuel Antonio. Obra Completa. V. I: Prosa. A Coruña: Fundación Barrié, Colección Clásicos da Academia, 2012.