Sesenta anos de 'Memorias dun neno labrego'

Memorias dun neno labrego, un dos libros "máis universais" da literatura galega, acaba de facer 60 anos. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou este xoves na celebración do aniversario da novela máis popular de Xosé Neira Vilas, unha narración que "forma parte da historia cultural e emocional de varias xeracións", salientou. O libro saíu do prelo por primeira vez o 5 de xaneiro de 1961 en Buenos Aires e dende entón coñeceu trinta e cinco edicións en lingua galega e foi traducido a case vinte idiomas, recordou.

Víctor F. Freixanes lembrou a vinculación coa RAG de Xosé Neira Vilas (1928-2015), membro de número da institución e "exemplo de lealdade ao país e ao noso idioma, exemplo de traballo incansable e exemplo de solidariedade e cariño". Autores coma el "permanecen alén das modas e os tempos, algo que só sucede cos clásicos. Cando chegado o momento celebremos o seu Día das Letras Galegas será unha celebración apoteótica", declarou.

A celebración dos sesenta anos de Memorias dun neno labrego tivo lugar no auditorio que leva o nome de Xosé Neira Vilas, na Cidade da Cultura. O presidente da RAG participou no acto canda o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal; os músicos Manoele de Felisa e Roi Casal, o actor Cándido Pazó e Belén Xestal como mantedora.

Memorias dun neno labrego editouse por primeira vez en Buenos Aires, onde Neira Vilas descubriu "a personalidade histórica e o signo diferencial do noso país" e onde abrollou a súa latente vocación literaria, lembraba el mesmo no seu discurso de ingreso na Academia, dedicado precisamente á cultura galega en Buenos Aires entre os anos 50 e 60. Alí naceu a historia de Balbino, publicado por primeira vez pola editorial Follas Novas. O selo fora creado en 1957 polo propio Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda, co propósito de difundir, desde a diáspora, o libro galego. Pero o grande éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Pardo.

En só vinte anos, editaríase unha ducia de veces, sen contar as versións en castelán e en portugués que xa existían del a comezos dos anos 80. Sesenta anos anos despois, a obra, dedicada "a todos os nenos que falan galego", pode lerse nunha morea de idiomas, desde o catalán, o inglés, o alemán, o ruso, o francés, o checo e o italiano ata o chinés. En 2020 foi un dos dez libros máis vendidos pola Editorial Galaxia.