O Clúster do Audiovisual premia a serie 'Conseguiremos' da RAG e a USC

Conseguiremos, a produción da Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela que abre o proxecto Novas voces para a lingua, foi premiada no marco da cuarta edición do Pitching TFG, organizada polo Clúster do Audiovisual Galego. A creación, que constituíu o traballo fin de grao de Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produción), estreouse esta mesma semana coa presentación do primeiro capítulo, protagonizado pola futbolista internacional Verónica Boquete.

O proxecto dos tres estudantes da USC concorreu a esta cita xunto a outros nove traballos fin de grao das facultades de Comunicación das universidades de Santiago e A Coruña previamente seleccionados. Conseguiremos foi premiada ex aequo xunto a En abierto, unha das propostas do alumnado da UDC. O foro permitiu presentar a cada equipo os seus respectivos traballos, en intervencións de oito minutos, a representantes das empresas máis destacadas do sector audiovisual galego e da Televisión de Galicia.

A serie da RAG e a USC consta de cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional. Os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro, a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo son parte do elenco.