Tribuna

Ciencia e poesía en Otero Espasandín

As relacións entre ciencia e literatura son complexas e teñen unha longa historia. En 1959 Percy Snow, no debate que suscitou coa súa proposta das "dúas culturas", constatou a existencia dun "abismo de incomprensión mutua" entre eses dous universos, polo que defendía a necesidade de tender pontes entre eles. De todas maneiras e, aínda que fose a un nivel moi reducido, sempre existiu unha sorte de preocupación ou curiosidade entre eses dous mundos que xeraba unha mínima permeabilidade entre as fronteiras que os afastaban.

No relativo á poesía sempre houbo científicos que atopaban nela unha fonte de inspiración e mesmo un modelo de achegamento á realidade a partir da imaxinación e da fantasía ("la ciencia está mucho más cerca de la poesía que de la realidad", aseguraba Ortega y Gasset en Ideas y creencias, 1940). Os poetas, por outra parte, ollaban na ciencia unha fonte de inspiración para os seus temas e metáforas, sobre todo nas épocas nas que o progreso científico-técnico estaba máis presente na sociedade como acontecía, po exemplo, na segunda metade do XIX ou cando determinados movementos rupturistas, como as vangardas dos comezos do XX, defendían unha apertura radical cara a todo o novo.

Na poesía castelá existen xa bos exemplos desta simbiose coa ciencia, como os poemas "A la divina proporción" de Alberti, "Oda a los números" de Neruda, "La voz a ti debida" de Salinas ou "Así soñé la verdad" de Celaya. Pero, sobre todo, serán os vangardistas hispanoamericanos Tablada e Huidobro os que defendan dun xeito máis aberto e permanente esa relación coa ciencia, sobre todo diante das novas realidades que estaban a mostrar as revolucións cuánticas e relativistas do momento. En Galicia, Curros foi un adiantado na defensa do progreso (Díaz-Fierros, 2015) e Manuel Antonio, en tempos máis recentes, demostrou a súa admiración pola relatividade (Díaz-Fierros, 2016,) pero certamente non houbo na literatura galega demasiados exemplos destas relacións entre a ciencia e a poesía. A obra poética de Xosé Otero Espasandín (Santa Olaia de Castro-Cerdedo, 1900-1987), tan escasa como pouco coñecida (a pesar do excelente traballo de compilación de María Cuquejo, 2006) poderíase citar como unha boa mostra destas relacións.

Como todo exiliado, Otero Espasandín tivo dúas vidas. A primeira, anterior ao 36, transcorre inicialmente en Galicia e nela xa se mostra, sobre todo nas súas relacións con Dieste, o seu interese pola ciencia e nomeadamente polas matemáticas. Despois, co seu traslado a Madrid en 1929, veríanse reafirmadas e mesmo realizadas estas afeccións coa súa integración nas actividades da Institución Libre de Enseñanza, colaborando como profesor de matemáticas na súa Escola Plurilingüe Internacional. O exilio levaríao, despois dun breve paso por Inglaterra, a terras arxentinas, onde colaboraría na Editorial Atlántida na edición de máis dunha vintena de libros de divulgación que o sitúan como un dos grandes vulgarizadores da ciencia na época da chamada "Idade de Ouro" da edición riopratense. Nestes tempos, tamén podería desenvolver a súa vella e permanente afección pola natureza nunha serie de artigos sobre paxaros no Correo Literario (Díaz-Fierros, 2017).

Aínda que Otero foi un dos asinantes do manifesto "Máis Alá" e na súa poesía poden distinguirse trazos característicos das vangardas, nomeadamente de Manuel Antonio con que mantiña excelentes relacións, a súa compiladora e crítica María Cuquejo vincula a súa obra sobre todo ao hilozoísmo de Amado Carballo. Esta corrente, que tenta vestir a tradición de novas imaxes e ritmos, ao final caracterízase polo "bucolismo, a supresión do eu lírico do enunciado do poema e a constante transmutación da realidade", pero sen arredarse dun certo enxebrismo. O propio Otero, no limiar de Proel de Amado Carballo, falaba do libro "coma unha ponte entres dúas ribeiras": a da "lírica galega dominante ata hoxe a outra lírica acorde coa modalidade da lírica europea". Nesta liña pódense situar os préstamos léxicos e as metáforas que toma do mundo das matemáticas, como no poema que lle dedica a Emilio Monteiro (El Pueblo Gallego, 21 de agosto de 1927):

Paseo as miñas cábalas
baixo á-logoritmia das estrelas
coas que Deus
pranteou o problema derradeiro.
(Ecuación irresoluble
en números enteiros)

ou o que lle ofreceu a López Cuevillas (Nós, 15 de outono de 1927):

¿Cantos outonos ten esta cachopa
Que acord´a francesada e a mouremia
S´eu collín alfa magostos – cabales –
â sua veira?...
Solución, - x = %
(É determiñado o problema)

Por outra parte, son abundantes as imaxes tomadas do mundo da ciencia verbo das matemáticas , "a leval-o compás, direutor pitagórico", "Númaros pitagóricos / pespuntean na punta dos teus dedos", da astronomía, "A xugada é unha constelación / no meio e meio do firmamento", da bioloxía, "cruzabas tí a pratela do microscoio", da física, "Emigraron os paxaros da alba / pol-as liñas magnéticas do rencor". E, por suposto, non podían faltar as referencias aos paxaros, seres que admiraba e agarimaba desde a súa nenez polas terras de Cotobade, sentimentos que o acompañaron toda a súa vida, e aos que lles puido dedicar cumpridamente os 18 artigos publicados no Correo Literario de Buenos Aires entre 1944 e 1945 e que son, aínda hoxe, pezas admirables e únicas da divulgación científica. A estes paxaros refírese no poema "Apuntes" ofrecido desde Arxentina a Ramón Rey "Coa morriña do Ulla", en 1943, que ten como protagonista a un Martín Pescador "de papo bermello" que se pasea "no espello do río / ferido de amor".

Otero tentou cunha bolsa da ILE comezar unha especialización en matemáticas no estranxeiro, que a traxedia do 36 tronzou de raíz. Despois, en Inglaterra, deu os primeiros pasos na realización de estudos en enxeñería "electricista", que a súa precipitada marcha cara a Arxentina tampouco lle permitiu iniciar. E, en América, a necesidade de gañarse a vida para subsistir levouno do traballo editorial en Buenos Aires aos diferentes empregos que tivo coa administración norteamericana (no ensino medio, na Organización Panamericana da Saúde e no Departamento de Agricultura), polo que nunca máis puido chegar a satisfacer esa vocación cara ás matemáticas que desde moi novo sempre sentiu. Mesmo se admira nun artigo sobre a "Mocedade galega" (Nova Galicia, 1938) que coa escolarización ruín que recibira puidese "manter un cego amor aos libros, sobre todo aos de matemática, como puiden chegar a vivir ateazado pol-a idea de penetral-os mais sotiles segredos do cálculo". E que se tivera unha boa escola Primaria, unha boa escola Normal e unha boa escola Superior "quezais oxe poidera ser un investigador capaz de ofrecer ao mundo algunha idea orixinal no campo máis puro da Matemática ou da Mecánica".

Os seus devezos cara á ciencia non se puideron levar a remate, pero os desafogos de Xosé Otero Espasandín coa poesía, para a que estaba moi ben dotado pero que tan escasamente prodigou, fican como un dos poucos exemplos da literatura galega onde "as dúas culturas" tentan establecer un verdadeiro diálogo no que a liberdade, a imaxinación e a fantasía se amosan como un territorio común para compartir e sementar.

Bibliografía
Cuquejo Enriquez, M. (2006). Xosé Otero Espasandín. Obra galega. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Xunta de Galicia.
Díaz-Fierros, F (2015). "Ciencia, técnica e progreso en Curros Enriquez". GRIAL, LIII, 206: 132-141.
" (2016)." Manuel Antonio e a teoría da relatividade". TRIBUNA. Real Academia Galega (15 novembro)
" (2017). "José Otero Espasandín (1900-1987). Un divulgador científico español en la Argentina". Arbor, 19 (785): a 408.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Membro de número da Academia