Henrique Rabuñal

“Carvalho Calero é un autor moi complexo, moi moderno, un pouco afastado das modas, un clásico”

Henrique Rabuñal é autor dunha das biografías que achegan o gran público á figura do protagonista do Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra (Galaxia, 2020). A obra evoca a estrutura da derradeira novela do homenaxeado, Scórpio, dando voz a distintos narradores que van trazando o seu retrato. O escritor e crítico literario lembra nesta entrevista a súa relación con don Ricardo, prologuista do seu primeiro libro, e valora a súa obra: "Os seus libros acompáñanme desde sempre".

Henrique Rabuñal, autor de Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra
Henrique Rabuñal, autor de Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra

Este Ano Ricardo Carvalho Calero déixanos, entre outras biografías, a que vostede mesmo asina: Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra (Galaxia, 2020). Por que elixiu este subtítulo, que bebe da súa obra poética, para sintetizar o seu retrato?

Ademais dunha referencia á súa obra poética –hai varias no meu libro– e de buscar un subtítulo suxestivo, o que fago desde o comezo é unha declaración de intencións. Para min, Ricardo é un anxo entregado á súa terra na nosa mellor tradición, a de Otero ou Castelao, de quen Carvalho se recoñece discípulo.

A súa non é unha biografía común, vai trazando o perfil de Carvalho Calero, entre a realidade e a ficción, da man de varios narradores, cunha estrutura semellante á empregada polo escritor na súa novela Scórpio para retratar o protagonista.

É unha fórmula que me permite literaturizar o meu discurso, fuxir dun rexistro máis académico e aproximarme a unha enunciación propia da narrativa. Por veces o libro lese como unha novela. Por outra parte, hai unha evocación explícita da novidosa estrutura de Scórpio.

Atopou, durante o proceso de documentación, algún aspecto que descoñecese de Carvalho Calero e que lle sorprendese especialmente? Que Carvalho Calero queda pendente de descubrir colectivamente?

A figura de Carvalho é tan completa e complexa que seguirá pendente dunha biografía como as que nos últimos anos se publicaron de Murguía, Rosalía ou Castelao. Pero penso que coñecemos os aspectos básicos da súa biografía intelectual e humana porque sobre Carvalho traballaron, e moi ben, moitos e moitas investigadores aos que teño en conta na miña biografía. O que me sorprendeu elaborando o libro son dous aspectos. Un, a súa inmensa capacidade de traballo sobrepóndose a adversidades de todo tipo. Outro, o seu altísimo compromiso co país mesmo cando levaba aparellado unha certa incomprensión ou decididamente unha certa exclusión. Isto só acontece nos grandes intelectuais.

Coñeceu a don Ricardo persoalmente? Que recordo garda del?

Coñecino. Trateino na última década da súa vida. Viaxei con el, asistín a actividades académicas e a conferencias súas, compartín publicacións, falamos por teléfono, prologoume o meu primeiro libro. Non fun alumno seu pero nos meus anos de estudante, Ricardo era a bandeira da mellor tradición galeguista. Unha persoa xenerosa e rigorosa que tamén representaba unha dignidade exemplar no exercicio propio do labor intelectual.

Lembra as súas primeiras lecturas de Carvalho Calero? Que impresión lle causaron? Como marcou o autor a súa xeración?

Os seus libros acompáñanme desde sempre. Primeiro a súa poesía pero tamén o seu teatro e a súa narrativa. Os seus estudos literarios e lingüísticos son clásicos. Sempre me pareceu un autor moi complexo, moi moderno, un pouco afastado das modas, un clásico. Sendo el o ordenador da nosa historia literaria, tivemos que facer o esforzo de buscalo nesa historia. Por outro lado, as súas colaboracións nos xornais achegaban sempre unha luz, unha luz libre e crítica que un agradecía moito.

"A mellor Galiza non se pode construír máis que inserindo o exemplo e a obra monumental de Ricardo Carvalho Calero dentro da nosa sociedade"

Hai algunha obra del á que estea a volver especialmente nesta tempada, á que lle conceda hoxe unha importancia que quizais non lle deu noutro momento?

Este ano estou relendo moitas obras súas e escribindo sobre elas. Redescubrindo cousas novas e lembrando sensacións vellas. Pero o valor desas obras é perenne. Gozo moitísimo, e aprendo moito, cos seus breves artigos de tema literario ou lingüístico nos que Ricardo demostra o que é: un sabio, un excelente profesor, un magnífico escritor e un inmenso comunicador.

Que libro de Carvalho Calero recomendaría como primeira lectura para as persoas que nunca se achegaron á súa escrita?

En xeral, a obra de Ricardo é unha obra complexa que demanda ás veces un lectorado esixente. Podería recomendar, entre tantos títulos, Os xefes, unha obra de teatro que aborda cuestións tan importantes como a política, a ideoloxía e o mundo militar.

Que destacaría do seu legado na Galicia do século XXI?

Ricardo dicía de Otero Pedrayo, de quen foi durante 50 anos un dos seus mellores analistas, que o noso país non se podía construír contra el. Eu dígoo de Carvalho. A mellor Galiza non se pode construír máis que inserindo o exemplo e a obra monumental de Ricardo dentro da nosa sociedade. Penso que en conxunto a súa obra está á altura dos máis grandes autores e autoras que deu a cultura contemporánea. Este ano é unha ocasión única para verificalo.