Xosé Neira Vilas, Premio Otero Pedrayo

O premio, concedido polas catro deputacións provinciais galegas, supón un recoñecemento á extensa traxectoria en defensa e promoción da cultura galega do escritor e académico de Vila de Cruces.
Xesús Alonso Montero, Alberto Núñez Feijoo, Xosé Neira Vilas e Rafael Louzán
Xesús Alonso Montero, Alberto Núñez Feijoo, Xosé Neira Vilas e Rafael Louzán


O acto, celebrado no Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra, contou coa presenza, entre outros, do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; do conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez e do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

O Premio Otero Pedrayo -instituído en 1977 co obxectivo de recoñecer persoas e entidades distinguidas polo seu labor en defensa e promoción da cultura galega- é concedido por un xurado do que forman parte, entre outros, a presidencia da Xunta de Galicia, o conselleiro de Cultura, representantes de cadansúa deputación provincial e das universidades galegas, así como por un membro da Academia e outro do Instituto Padre Sarmiento.

Logo de definir a Xosé Neira Vilas como un "activista literario", o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, salientou no seu discurso o carácter multifacético –no eido creativo, xornalístico, editorial- do seu quefacer cultural, así como a súa concepción da literatura como un acto de compromiso cos máis desfavorecidos, tal e como pon de manifesto na súa obra máis coñecida, Memorias dun neno labrego.

Outras persoas e institucións recoñecidas co Premio Otero Pedrayo ao longo das súas trinta e cinco edicións foron, entre outros, Carlos Casares, Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo, o Instituto da Lingua Galega, o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Bos Aires.