Xosé Neira Vilas, Premio da Cultura Galega 2014 na categoría de Letras

O xurado valorou, deste xeito, as achegas á internacionalización da nosa cultura do escritor e académico de Vila de Cruces, o noso autor máis traducido.
Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas

O membro de número da Academia, Xosé Neira Vilas, nado en Vila de Cruces en 1928, é autor da novela Memorias dun neno labrego, publicada en Bos Aires en 1961 na editorial Follas Novas, dirixida por el mesmo. Esta obra pasou a ser, de inmediato, un fenómeno editorial, multiplicando as edicións e as traducións, ata se converter no libro máis vendido da historia da literatura galega dentro e fóra das nosas fronteiras. Alén do seu labor estritamente creativo, Neira Vilas foi tamén xornalista, editor e, sobre todo, estudoso e profundo coñecedor da xénese histórica da emigración galega na América, nomeadamente, da cubana.

No resto de categorías, os premiados foron: a Galería Trinta, na de Artes Plásticas; Cándido Pazó, na de Artes Escénicas; o Festival Internacional de Ortigueira, na de Música; a asociación empresarial AGAPI, na de Audiovisual, o profesor David Mackenzie, na de Lingua, o Grupo Marcelo Macías, na de Patrimonio Cultural e o Centro Pen Clube Galicia na de Promoción Exterior.

O xurado deste premio conta contou coa presenza da Real Academia Galega, representada, nesta ocasión, polo seu secretario, Henrique Monteagudo.