Xosé Luís Axeitos gaña o Premio Antón Losada Diéguez pola súa biografía de Manuel Antonio

"Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de presentarnos a Manuel Antonio, o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismo, tal cal foi, sempre á procura da liberdade". O xurado da última edición do Premio Antón Losada Diéguez refírese así á biografía do poeta rianxeiro asinada polo académico Xosé Luís Axeitos, Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, a obra gañadora do galardón na modalidade de investigación e ensaio. Xosé Benito Reza fíxose co recoñecemento de creación literaria coa súa primeira novela, Terradentro.
X. L. Axeitos Fonte: X. Castro/RAG

O xurado da trixésimo terceira edición deste premio define a biografía de Manuel Antonio como "unha achega moi ben definida" á vida do poeta, "analizada por un investigador de grande altura que leva moitos anos dedicado a desvelar o misterio do autor recoñecido dende sempre, pero non sempre ben coñecido". "É o ramo á edición completa da obra de Manuel Antonio. Un traballo filolóxico monumental. Extraordinario traballo de investigación nos diversos campos e no que prima o selo contrastado sobre calquera especulación", engade a resolución do xurado, adoptada o pasado sábado nunha xuntanza celebrada no Concello de Boborás.

Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, foi publicada en Xerais, a mesma editorial na que viu a luz Terradentro, a obra de Benito Reza premiada na modalidade de creación literaria. Esta novela, salienta o xurado, está escrita nun "galego de gran riqueza, e cunha firme raíz, ou variante lingüística ourensá", e achega os lectores e lectoras "a un mundo a piques de desaparecer, con personaxes moi ben trabados e construídos, especialmente o avogado da vila, un arquetipo de Galicia interior que, por diversas circunstancias, vai ter que se enfrontar a tres misteriosos asuntos".

O Premio Antón Losada Diéguez é convocado cada ano polos concellos de Boborás e O Carballiño, co apoio da Deputación de Ourense, para contribuír ao fomento da cultura galega polo que loitou Antón Losada Diéguez e perpetuar a memoria deste insigne galeguista. A entrega dos galardóns terá lugar o 9 de xuño no pazo de Moldes, en Boborás, onde naceu e viviu Antón Losada Diéguez.