Xohana Torres, Premio da Cultura Galega a título póstumo

Xohana Torres recibirá a título póstumo un dos Premios da Cultura Galega. O xurado, na xuntanza celebrada onte na Cidade da Cultura, decidiu outorgarlle este recoñecemento á escritora e académica, finada o pasado 12 de setembro.
Xohana Torres

O xurado dos premios convocados pola Xunta de Galicia para apoiar a excelencia creativa decidiu distinguir tamén a Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato nas modalidades de Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultura e Proxección Exterior, respectivamente.

Xohana Torres é unha das figuras esenciais das letras galegas contemporáneas que medraron na posguerra. Produciu unha selecta obra que inclúe a poesía, a narrativa, o ensaio e a literatura infantil. Cómpre destacar tamén o seu labor radiofónico, desde o o que tamén contribuíu á reconstrución cultural de Galicia e á defensa da súa lingua.

A concesión do Premio da Cultura Galega de Letras súmase aos outros recoñecementos que recibiu durante a súa vida, como o Pedrón de Ouro (1972), o Premio da Crítica (1982), o Premio Celanova (1985) ou o Premio da Creación Feminina (1992).