Visor estereoscópico

Vista lateral e frontal do esteroscopio da Academia
Vista lateral e frontal do estereoscopio da Academia


Un visor estereoscopio é un instrumento que permite ver fotografías en tres dimensións. O exemplar que custodiamos na Real Academia Galega ten unha estrutura de madeira en forma de cruz e unha parte de metal. Sobre o listón de madeira aséntase un traveseiro onde se colocan dúas fotografías lixeiramente diferentes, mentres que na parte de metal, semellante a uns binoculares, van colocadas dúas lentes converxentes, asociadas a uns prismas, dispostas de tal xeito que cada ollo ve unha imaxe un chisco diferente á do seu compañeiro. Cando estas dúas imaxes se superpoñen crean unha sensación de tridimensionalidade.

Este aparato foi inventado en 1838 polo físico inglés Sir Charles Wheatston, e a súa primeira versión pouco tiña que ver co que logo serían os estereoscopios fabricados en serie. O estereoscopio de Wheatstone era un moble de mediano tamaño composto por unha serie de espellos dispostos sobre unha estrutura de madeira. Carecía do visor, e o único que tiña en común cos seus sucesores era o principio óptico. A súa forma e manexo eran totalmente diferentes.

O estereoscopio con forma binocular foi creado na década dos cincuenta do século XIX, e empregouse primeiro con daguerrotipos e estampiñas, para logo pasar a empregar fotografías.

A popularización da fotografía deu lugar á multiplicación de modelos de estereoscopio e á súa produción industrial, principalmente nos Estados Unidos. Aquí, as empresas de fotografía eran as mesmas que fabricaban os seus propios modelos de estereoscopio adaptados unicamente ao formato das súas fotografías, para asegurar así a fidelidade dos seus consumidores.

O estereoscopio da Academia foi patentado en 1901. O modelo é coñecido como "Sun Sculpture", segundo consta nunha inscrición feita na parte de metal dos binóculos. Foi fabricado en Nova York por Underwood & Underwood, empresa adicada á fotografía e á fabricación de estereoscopios que, en 1921, sería absorbida pola Keystone View Company. O noso estereoscopio, polo tanto, foi fabricado antes desta data.

Nas primeiras décadas do século XX o uso deste tipo de aparatos popularizouse dunha maneira extraordinaria entre as incipientes clases medias. Moi probablemente vían nel un substituto a bo prezo do cine. Existen, grazas á difusión do seu uso, coleccións de fotografías estereoscópicas dos lugares máis insospeitados do globo. Procurábase o exotismo de paisaxes e terras estrañas, pero tamén había lugar para o autorrecoñecemento, as paisaxes autóctonas, os motivos folclóricos e os tipos populares, que foron reproducidos masivamente nos Estados Unidos, o Reino Unido e pouco despois na Europa Continental. Galicia non ficaría allea a esta moda, e tamén contou coa súa propia industria da fotografía estereoscópica radicada na Guarda e chamada Casa Taboas-Artes Gráficas.

A Real Academia Galega mercou, en 2004, unha pequena pero valiosa colección de fotografías estereoscópicas de principios do século XX que viñan acompañadas con este aparello para poder visualizalas. Desgraciadamente, non sabemos quen foi o seu primeiro propietario, e tamén carecemos de calquera tipo de información adicional sobre a súa orixe.

Imaxe dobre adaptada a un esteresocopio
Imaxe dobre adaptada a un estereoscopio. Vista do monte de Santa Tegra