Visita dunha delegación sarda á Academia

Un grupo de 32 profesores sardos visitaron as instalacións da Academia co fin de coñecer a historia da nosa institución e o seu rol no proceso de normalización da nosa lingua.
Diegu Corraine, Montegudo Romero e Fernández Rei
Diegu Corraine, Henrique Monteagudo e Francisco Fernández Rei


Esta visita á Academia encádrase dentro dun programa de actividades deseñado polo membro de número da Academia, Francisco Fernández Rei, que ten como obxectivo dar a coñecer a situación sociolingüística de Galicia –con especial atención aos organismos oficiais e non oficiais relacionados coa defensa e promoción da lingua galega- a 32 ensinantes sardos provenientes da Universidade de Casteddu (Cagliari), so a dirección do profesor Diegu Corraine.

Despois de visitaren, da man de Fernández Rei, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e as instalacións da Academia, os profesores sardos foron recibidos polo secretario da Academia, Henrique Mongeagudo, no salón de actos da institución. Na súa alocución, Henrique Monteagudo fixo un percorrido pola historia da Academia, desde a súa fundación en Cuba "froito do traballo conxunto de traballadores e intelectuais galegos representados polas figuras de Fontenla Leal e Curros Enríquez", ata as duras experiencias da Guerra Civil e a posterior Ditadura, salientando o destacado papel como protector da nosa lingua desenvolvido, ao longo de todo este tempo, pola Academia, exemplificado en feitos como a creación do Día das Letras Galegas en 1963, ou a actual defensa diante dos poderes públicos.

Pola súa parte, o profesor Diegu Corraine, tras subliñar a importancia do referente galego no proceso de elaboración das normas da lingua sarda, concluíu dicindo: "O exemplo do galego é moi importante para nós, o exemplo dunha lingua que resiste ao longo de tanto tempo, e existe hoxe grazas ao compromiso de moitos".

Foto de familia da delegación sarda á Academia
Foto de grupo da delegación sarda na Academia