Visita dos alumnos e alumnas dos Cursos de lingua e cultura galegas á Real Academia Galega

Un grupo de 60 estudantes dos Cursos de lingua e cultura galegas visitaron hoxe a sede da Real Academia Galega, onde asistiron a unha conferencia de Xesús Alonso Montero sobre a historia da institución.

Nesta visita, encadrada dentro do programa de actividades complementarias do curso, os estudantes foron recibidos polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, no salón de actos da institución. Alí, por medio das palabras de Xesús Alonso Montero, fixeron un percorrido pola historia da institución, desde a creación da Sociedad del Folklore Gallego ata a actualidade: a creación, con don Manuel Murguía como presidente; o labor anterior a 1936; os primeiros anos de posguerra; o florecemento na presidencia de Sebastián Martínez-Risco, e os tempos posteriores. Xesús Alonso Montero puxo o acento no labor cubano da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega e, en xeral, das axudas que procedían daquel país e, noutros momentos, de Buenos Aires.

Nas súas palabras de despedida expresou a súa vontade de que cada un destes estudantes se converta nun embaixador da cultura galega nos seu país de orixe.