Visita do Instituto Arxentino-Galego, Santiago Apóstol

Unha delegación de dezaseis estudantes do Instituto Arxentino -Galego Santiago Apóstol, acompañados polos profesores Bibiana Laura Rodríguez e Fernando Daniel Naval, visitou a Academia.
Foto de familia cos alumnos do Santiago Apóstol
O estudantado arxentino con varios membros da Academia


Por segundo ano consecutivo, os alumnos do instituto bonaerense Santiago Apóstol visitaron a Academia para coñecer polo miúdo a historia e a situación actual desta institución, definida, en palabras de Xesús Alonso Montero, como "a casa das palabras do idioma galego". O presidente da Academia proseguiu o seu discurso exemplificando na obra en galego do poeta arxentino Jorge Eduardo Bosco -iniciado na nosa lingua a través dos libros de Rosalía e dos cantares medievais- os estreitos lazos que cinguen as culturas galega e platense.

Pola súa parte, Margarita Ledo salientou a importancia do legado atesourado nos fondos da Biblioteca e a Hemeroteca da Academia: "Sen esta memoria máis que centenaria, non poderiamos ser o que somos", e informou, ademais, sobre a súa intención de incrementar os fondos dispoñibles actualmente na Hemeroteca e Biblioteca Virtuais para facelos accesibles aos usuarios de fóra de Galicia.

O secretario da Academia, Henrique Monteagudo púxolle o ramo ao acto pasando revista ao longo historial de colaboración da comunidade galega na emigración americana coa Academia: "Velaí temos os retratos do litógrafo ferrolán Fontenla Leal e do poeta Curros Enríquez, emigrantes os dous na Habana, e verdadeiros artífices da fundación desta institución". O secretario da Academia rematou a súa intervención cun agradecemento: "Nós témoslle moita gratitude ao pobo arxentino pola grande acollida que lle deu aos nosos exiliados tras a Guerra Civil, o Sempre en Galiza de Castelao sería imposible de explicar sen este feito".