Visita de Manuel Vázquez á Academia

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, acompañado da deputada Carmen Gallego e do membro correspondente da Academia, Francisco Cerviño, expresou o compromiso do seu partido coa defensa da lingua galega.
Alonxo Montero con Manuel Vázquez
Alonso Montero con Manuel Vázquez


Para Manuel Vázquez, "a lingua galega non pode ser máis un elemento de confrontación. Ningún de nós ten dereito a usar a lingua como se dunha ferramenta política se tratase". O secretario xeral dos socialistas rematou a súa intervención sinalando que "hai moitas cousas que podemos ver de xeito distinto, pero a defensa da lingua é un obxectivo que debe unirnos a todos".

Pola súa parte, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, expresou o seu agradecemento, en nome desta corporación, a Manuel Vázquez pola súa visita, e apuntou: "a nosa non é unha institución política, a Academia é, máis ben, unha institución de carácter técnico que ten como finalidade establecer o código da nosa lingua". O presidente da Academia engadiu tamén que "outro dos nosos obxectivos é o da defensa da lingua, e fago miñas as palabras de Manuel Vázquez cando di que nesta causa debemos estar todos de acordo, pois o galego é o idioma de todos".