Víctor F. Freixanes deixa a presidencia da Fundación Otero Pedrayo e asume a de honra

Víctor F. Freixanes é o novo presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo. Tras doce anos como presidente da institución de Trasalba, pasa a ocupar este posto honorífico que lle corresponde na súa condición de presidente da Real Academia Galega. O nomeamento produciuse na mesma xuntanza do padroado da fundación en que foi nomeado presidente Juan Luis Saco Cid.

O ourensán Saco Cid, vencellado dende a infancia á figura de Ramón Otero Pedrayo, é latinista e catedrático de ensino secundario. Ata agora viña participando na comisión executiva da institución.