Unha fotobiografía tece o relato da vida de Piñeiro coa súa propia voz

A biografía completa de Ramón Piñeiro aínda está por escribir, pero no centenario do seu nacemento acaba de darse un paso máis nesa dirección. O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, foi o encargado de elaborar a fotobiografía presentada onte en Santiago de Compostela, unha obra na que as imaxes comparten protagonismo coa propia voz do intelectual, que se escoita a través da ensamblaxe de entrevistas que concedeu desde os anos 60. O libro foi editado pola editorial Galaxia e a Fundación Penzol coa colaboración da Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega.

Detalle da cuberta do libro, deseñada a partir dunha fotografía orixinal de Xurxo Lobato


"Procurei tecer dentro do posible un relato no que é sempre Piñeiro o que fala. O único que engadín son apoios para contextualizar histórica e biograficamente o que di", explicou Henrique Monteagudo na presentación da fotobiografía, que acolleu o Consello da Cultura Galega no marco das xornadas dedicadas ao propio Piñeiro e Koldo Mitxelena. Ramón Piñeiro: a vontade da intelixencia. Unha fotobiografía 1915-1990 é unha obra composta co gallo do centenario do nacemento do seu protagonista que pretende ofrecer un achegamento sintético, veraz e ameno a unha figura "decisiva e absolutamente entregada á construción dun país dono de si", concluíu o autor. Con este propósito, percórrese a infancia do homenaxeado, o espertar ao compromiso galeguista nos anos da República; os tempos da Guerra Civil, da clandestinidade e da cadea; a resistencia dos anos 50, coa posta en marcha de Galaxia ou o episodio da Batalla de Montevideo; a contestación política e cultural entre os anos 60 e 70, período no que ingresa na Real Academia Galega; e o seu papel activo na transición á democracia e o establecemento da autonomía de Galicia.

A voz de Piñeiro escóitase no libro a través das entrevistas que lle realizaron entre os anos 60 e 1988 os tamén académicos Carlos Casares, Víctor Freixanes, Margarita Ledo e Salvador García-Bodaño; e Luís Álvarez Pousa, Xavier Costa Clavell, Xulia Díaz Sixto, Pilar Falcón, Xavier Navaza, José Martínez Couselo, Benxamín Vázquez ou Luís Rei, entre outros. Por boca do propio intelectual, retrátase un home "en andamento, que se vai construíndo", "un personaxe desde logo máis plástico ca a icona del que cristalizou ao longo dos anos 70 e, especialmente, dos 80, cando, ao remate da súa xornada, se convertera nun persoeiro amplamente recoñecido, case unha institución, e parecía que todo na súa traxectoria anterior o predestinara cara a aquel fin", engade Monteagudo no limiar.

Unha escolma de cartas de Piñeiro, gran cultivador do xénero epistolar, a persoeiros como Álvaro Cunqueiro, Celestino Fernández de la Vega ou Rodolfo Prada pecha un volume que artella o discurso verbal co visual. Este último nútrese sobre todo dos fondos fotográficos da familia de Ramón Piñeiro e da editorial Galaxia, pero tamén da Real Academia Galega ou do Arquivo Pacheco, de caricaturas como as de Siro López e retratos como os de Carlos Maside e Antón Pulido. Quedan fóra nesta parte gráfica etapas da súa vida de grande interese. "Os episodios nos que é máis difícil penetrar son os que teñen que ver coa resistencia clandestina, porque requerían non deixar rastro documental. As únicas fotos que hai de Piñeiro con Mitxelena son na cadea", explicou Monteagudo.

Na presentación do libro participaron a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente do Consello da Cultura Galega e membro da Academia, Ramón Villares; e o director da Fundación Penzol, Francisco Domíguez.