Unha ducia de actividades interactivas e fichas descargables sobre o universo Fraguas

Antonio Fraguas non deixou obra escrita para o público máis novo, pero estudou unha morea de aspectos sobre a cultura popular que son parte da memoria do pobo galego e tamén unha fonte de recursos de interese para os nenos e nenas nados en pleno século XXI. Neles inspírase a nova edición da Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega para achegar as novas xeracións á figura homenaxeada o 17 de maio e ao seu legado intelectual. O Fraguas da Primavera das Letras loce ilustrado como un Indiana Jones das corredoiras, como alguén o definiu para retratar o home curioso que foi.

O protagonista do Día das Letras Galegas de 2019 participou na mocidade en campañas de catalogacións de castros e investigou outras expresións do patrimonio material de noso, pero sobre todo recolleu unha morea de tesouros inmateriais de aldea en aldea, costumes, lendas ou coplas que ía anotando en pequenos cadernos nun momento de transición en que a Galicia en que el nacera comezaba a desaparecer.

A web do proxecto, primaveradasletras.gal, ofrece unha ducia de actividades interactivas e varias fichas descargables que lles permitirán aos pequenos e pequenas da casa coñecer o mundo das cantigas, as festas e romarías, o traxe, a arquitectura ou os oficios tradicionais, eidos todos eles nos que Fraguas profundou como etnógrafo. Tampouco faltan propostas relativas a outros campos nos que fixo igualmente achegas destacadas, como a xeografía ou a toponimia, sempre de xeito ameno, desde unha perspectiva interdisciplinar e animando os nenos e nenas a explorar con ollos curiosos como os de Fraguas o mundo que os rodea.

A Primavera das Letras deste ano tamén se detén en espazos esenciais na vida de Fraguas, desde Insuela, a aldea de Cotobade onde naceu e medrou, que serve como punto de partida para presentar o rico patrimonio arqueolóxico, a tradición oral ou a gastronomía da zona; ata Santiago de Compostela, onde non só se destaca o seu valor arquitectónico ou o Camiño de Santiago, senón tamén algúns dos seus equipos deportivos ou a figura da futbolista Vero Boquete.

Mención especial merece o Museo do Pobo Galego, cunha ficha descargable específica que recorda a posta en marcha, a finais dos anos 70, desta institución no convento de San Domingos de Bonaval.

A Primavera das Letras de Antonio Fraguas complétase con fichas para colorear para o público de menor idade.