Tribuna

Un texto médico de Pondal

Manuel Lugrís Freire afirmaba no seu discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos (20.11.1923) que "Pondal fora un médico notable no seu tempo", afirmación que para Manuel Ferreiro, un dos máximos especialistas pondalianos, semellaba "excesiva", tendo en conta o limitado interese que demostrou pola profesión nos poucos anos que exerceu de médico da Armada no Ferrol (1861/62) e na fábrica de armas de Trubia (1863). Posteriormente, Luis Giadás (La Voz de Galicia. Ed. Carballo, 9.02.2014), nun traballo máis detallado sobre as actividades médicas de Pondal, matiza algo máis estas afirmacións sinalando que a carreira de Medicina a cursara cun notable aproveitamento e que ao longo da súa vida as actividades médicas tiveran unha certa presenza, sobre todo no seu contorno familiar.

Neste mesmo senso é interesante rescatar un texto que aparece na revista compostelana La Jóven Galicia (1860), dirixida polo catedrático de Historia Natural José Planellas, lido e discutido por Eduardo Pondal nunha das academias de Medicina que se estaban a desenvolver na Universidade Compostelana. Estas academias creáranse polo Plan Pidal de 1845 e revitalizáranse coa reforma de Moyano do 1857 e presentábanse como complemento "de las lecturas de diversos autores y las explicaciones de los maestros" (LJG, 1860) por entender que estas eran insuficientes para a formación dos futuros universitarios. Considerábase que era tamén necesario, con elas, "acostumbrarse a manifestar en público los conocimientos que hayan adquirido durante su carrera literaria y a coordinar sus ideas por escrito" (LJG, 1860). Ao principio tiñan unha periodicidade semanal, estaban coordinadas por un profesor e os alumnos dos últimos cursos asistían libremente a elas, discutíndose un tema que previamente fora presentado por escrito. Nunha destas academias de Medicina (5.12.1860) Emilio Fontela expuxo o tema "Importancia de los sentidos en el diagnóstico" e dos tres alumnos nomeados para "argumentar" destacouse na LJG (1860) a intervención de "D. Eduardo G. Pondal", da que se reproduce o seguinte texto:

Yo creí tener que combatir el discurso del Sr. Fontenla; pero una vez que dicho discurso es la espresión de mi argumento, una vez, que por decirlo así, hizo uso de mi espada de combate, me limitaré a explanar y corroborar mas y mas sus ideas, porque, me complazco en decirlo, están en completa armonía con mi modo de pensar. Efectivamente, la filosofía de los sentidos es la mejor filosofía en las ciencias de aplicación, y fue la gran palanca de las ciencias modernas. Francis Bacón es la luz de las ciencias prácticas y esperimentales, es el padre de la filosofía analítica de Diderot, de Condillac, y de Alembert. El siglo XVIII es el siglo a quien debe mas la medicina, asi como todas las ciencias prácticas, por mucho que ciertos hombres traten de incorporar su espíritu filosófico del análisis: y el siglo XIX es deudor á aquel de su química, de su anatomía, de su física, de su microscopía, de su historia natural. ¿Quién puede dudar en vista de esto de la alta categoría de la filosofía de los hechos, de la filosofía de los sentidos? Si me gusta también el discurso en cuestión, es por su carácter de independencia, porque, pese a los anteriores , no marcha arrimado á los antiguos, que por cierto han hecho poco en medicina y en todas las ciencias.

Oigo hablar de Platón, de Pitágoras, de Tales y de otros filósofos: estos buenos filósofos han impregnado la ciencia antigua de su idealismo, de su dogmatismo, de sus sutilezas y disputas escolásticas. El único filósofo que debe ser mirado con respeto bajo este punto de vista, es Aristòteles, que supo armonizar el idealismo antiguo con los hechos científicos; y de Aristóteles es discípulo Bacón.

Los antiguos filósofos, incluso el mismo Epicuro, contribuyeron mas al desarrollo de las artes que al de las ciencias; el mundo antiguo es de la literatura, de la poesía, de la pintura, de la estatuaria, de la guerra; es el mundo del arte; la historia lo prueba: Plutarco, Homero, Sófocles, Apeles, Fidias, Alejandro.

Los siglos modernos son los siglos de las ciencias: Descartes, Leibnitz, Copérnico, Bacón, Galileo, Diderot, Condillac: y estos son los filósofos de los hechos, y a estos y á su filosofía práctica deben todo la medicina y las ciencias modernas.

La ciencia moderna es hija de la filosofía de los hechos de Bacón.

Neste texto, Pondal amósase totalmente de acordo coas ideas expostas polo relator, xa que defende a importancia da percepción da realidade polos sentidos como método axeitado para a práctica da cirurxía fronte a outras correntes de pensamento científico máis tradicionais nas que o compoñente doutrinal tiña bastante máis peso. Declárase seguidor por unha parte do sensualismo de Condillac (1715-1780), que tanta importancia tivo no desenvolvemento da medicina da primeira metade do XIX, así como do método experimental de Francis Bacón, do que sinala que "la ciencia moderna es hija de la filosofía de los hechos de Bacón". Neste senso, Pondal aparece como un médico moderno defensor dos métodos e sistemas de pensamento que farían avanzar as ciencias médicas no XIX. E aínda que estas ideas xa estaban presentes en boa parte das facultades de Medicina españolas e non supoñían ningunha novidade en 1860, non se pode esquecer que a de Santiago, aínda mantiña vixente un certo tradicionalismo, moi evidente p.e. no daquela patriarca da medicina galega, Varela de Montes.

Non foi esta a única cita de Pondal nestas academias, pois noutra posterior tamén aparece destacada a súa intervención en LJG (1860). Neste caso, actuaba como relator e versou sobre "La tisis pulmonar y su contagio". Nela defende a importancia da hixiene pública e privada como método eficaz para o control e prevención da doenza, aínda que, por outra banda, non admite a súa transmisión por contaxio, idea que naquela altura, vinte e dous anos antes do descubrimento do bacilo de Koch, estaba bastante estendida entre os profesionais médicos. Anos máis tarde, cando Pondal coñece o papel dos microbios na transmisión das doenzas, ficaría impresionado e, segundo Giadas, sería a xustificación da súa obsesión pola hixiene e tamén por algunhas lendas urbanas como aquela que dicía que lle tomaba o pulso aos enfermos cun bastón para preverse do contaxio.

O que si semella evidente é que Pondal, aínda que axiña abandonaría a súa vocación de médico, na carreira e nos primeiros anos como licenciado, demostrou un interese e unhas capacidades máis que salientables pola ciencia médica e que, mesmo en 1869, con 34 anos, tentou realizar o doutoramento en Santiago, pretensión que se frustrou polo decreto que lle retiraba a todas as universidades de provincias a posibilidade desta docencia (Giadas, 2014).

Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Membro de número da Academia